Ir o contido principal

Antonio López valora positivamente o principio de acordo sobre o futuro dos estudos de Medicina de Galicia

O reitor Antonio López fizo unha valoración para os medios de comunicación. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López fizo unha valoración para os medios de comunicación. Foto: Santi Alvite
“Detrás da posición da USC está a idea de buscar a mellor solución pensando no conxunto de Galicia e no conxunto dos nosos sistemas universitario e sanitario”

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, valorou este xoves “de maneira positiva” o principio de acordo sobre o futuro dos estudos de Medicina de Galicia, que debe conseguir o referendo dos consellos de goberno. “Ese acordo vai na liña do que nós viñamos defendendo para mellorar a formación do persoal médico en Galicia: manter a Facultade que existe como responsable dos estudos e descentralizar a formación aproveitando todas as capacidades do sistema sanitario galego”.

Para iso, tal e como se acordou esta mañá nunha xuntanza dos tres reitores e os conselleiros de Universidades e Sanidade, crearanse dúas novas unidades docentes nas Universidades de Vigo e A Coruña, co horizonte no curso 2028-2029, que se suman á xa tradicionalmente existente de Santiago. A través delas, “podemos incorporar como profesores vinculados coa Universidade aqueles profesionais sanitarios acreditados nos distintos hospitais ao tempo que se abre unha vía de colaboración, que xa estaba no acordo de 2015, para outros profesores das outras universidades competentes en materias relacionadas coa titulación de Medicina”.

“O acordo -manifestou López- reforza unha magnífica facultade de Medicina porque supón aproveitar a oportunidade que se nos abre para mellorar a boa formación que facemos dos futuros profesionais médicos da nosa universidade”. Iso si, engadiu, “a descentralización debe ir aparellada dunha boa dotación de recursos tanto para as unidades que se crean como para a xa existente. En todo caso, quero deixar claro que as novas unidades non van ir nunca en prexuízo da que xa existe na USC, focalizada no noso complexo hospitalario universitario”.

En definitiva, para López, “detrás da posición da USC está a idea de buscar a mellor solución pensando no conxunto de Galicia e no conxunto dos nosos sistemas universitario e sanitario”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2025.