O horario extraordinario das bibliotecas estenderase do 6 de decembro ao 23 de xaneiro
O período de apertura extraordinario das bibliotecas por mor dos exames do primeiro semestre bota a andar este sábado, 6 de decembro, na USC. Dende esa data e ata o 23 de xaneiro, o estudantado contará con amplos horarios e unha oferta de máis de 3.400 prazas divididas en distintos puntos de servizo nos campus de Santiago e Lugo.
A través do web da Biblioteca Universitaria (BUSC), no apartado Postos libres na BUSC, pódese consultar a porcentaxe e número de postos libres nos distintos puntos de servizo. A información actualízase aproximadamente cada hora. O horario de cobertura esténdese de luns a venres, entre as 9 e as 21 horas, e as fins de semana e festivos de 9 a 19 horas, nas bibliotecas que abren nesta quenda. Esta información tamén está dispoñible na conta de BlueSky BUSCHorarios @buschorarios.bsky.social, e desde a app oficial da USC, no apartado Postos na BUSC da lapela Destacado.