O IV Ciclo despide a dúas novas promocións do Graduado Sénior e do Graduado Superior Sénior
Dúas novas promocións de graduados sénior (2010-2013) e graduados superiores sénior (2009-2014) celebraron o venres 16 o seu acto de gradación no Salón Nobre de Fonseca nun acto protocolario presidido polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán. Como é tradicional, o acto comprende a intervención dun alumno da promoción, que neste caso, correu a cargo de José Manuel Somoza Salvador en representación dos/as integrantes da décimo terceira promoción de graduados superiores senior. A continuación falou a madriña da promoción Mª Dolores Barral Rivadulla e o director do IV Ciclo Maximino Quintáns. Durante a cerimonia entregáronse os diplomas a sete graduados sénior e se impuxeron as insignias a 24 graduados superior senior. O IV Ciclo é un programa de formación dirixido aos alumnos maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel previo, que se estrutura en cinco cursos. Ao rematar os tres primeiros cursos de carácter xeral os alumnos reciben o diploma de graduado sénior e ao rematar os dous últimos, que son de carácter específico, as insignias de graduado superior sénior. A oferta de especialización da USC comprende Historia da Arte, Dereito, Psicoloxía, Astronomía, informática, literatura española e inglés. Actualmente cursan estudos de IV Ciclo na USC ao redor de 300 persoas nos campus de Lugo e Santiago, alternando a celebración da cerimonia cada ano nun deles. O salón Nobre de Fonseca acolleu o acto de graduación de IV Ciclo (Foto: Servimav-USC)