Skip to main content

Un alumno da USC, seleccionado para o sétimo curso de verán en investigación sociolóxica e política que o CIS celebra en Harvard

Jesús Benítez atópase actualmente realizando unha estadía na Universidade de Konstanz
Jesús Benítez atópase actualmente realizando unha estadía na Universidade de Konstanz

O alumno da Escola de Doutoramento Internacional da USC Jesús Manuel Benítez Baleato é un dos estudantes seleccionados para participar no sétimo curso de verán en ‘ Investigación sociolóxica e política’ na Universidade de Harvard (Cambridge, Massachussets). Este curso, organizado anualmente polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), terá lugar entre os días 4 e 8 de agosto no Real Colexio Complutense da universidade estadounidense. Esta é a segunda vez consecutiva na que a USC acada presenza neste curso, en ambas ocasións a través de alumnado da Facultade de Ciencia Política e Social. O obxectivo deste seminario é formar aos participantes nos mais recentes desenvolvemento teóricos, empíricos e metodolóxicos no ámbito das ciencias sociais. O curso consiste nunha serie de clases maxistrais impartidas por investigadores de primeira liña de Estados Unidos, nomeadamente da Universidade de Harvard ou do MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachuts). Entre eles, participarán na actual edición Pippa Norris (Universidade de Harvard), Paul Osterman (MIT) ou Viviana Zelizer (Universidade de Princeton). As sesións académicas compleméntanse coa presentación dos proxectos de investigación dos estudantes seleccionados para a súa avaliación por científicos especializados na correspondente área de coñecemento. Jesus Manuel Benítez Baleato presentará unha proposta metodolóxica para a análise do impacto político das tecnoloxías dixitais nos sistemas políticos contemporáneos. Trátase dunha aproximación interdisciplinar ao estudo empírico dos fenómenos políticos e sociais mediados tecnoloxicamente, que integra os máis recentes avances da Enxeñería Informática orientados á implementación de métodos computacionais de inferencia estatística no ámbito da Ciencia Política. A proposta ilústrase coa súa aplicación no estudo do rol dos servizos de intelixencia nos mecanismos de 'protest policing' mediante (ABM) Agent-Based Modeling, así como á análise de fenómenos dixitais emerxentes a través de NLP (Natural Language Processing) e SNA (Social Network Analysis). Anteriormente esta proposta fora seleccionada para a súa presentación na conferencia doutoral organizada polo ECPR (European Consortium for Political Research) na Universidade de Innsbruck (Austria). Na actualidade, Benítez Baleato realiza, baixo a dirección do profesor Ramón Máiz, unha tese sobre o impacto da tecnoloxías da información e da comunicación no sistema político. Ademais, desenvolve unha estadía doutoral no grupo de investigación sobre Comunicacións, Conflito e Redes da Universidade de Konstanz (Alemaña). Nesa universidade especializouse en métodos empíricos de investigación social mediante o Máster en Relacións Internacionais e Integración Europea tras superar o grao en Ciencia Política e da Administración na USC, titulación na que obtivo o premio de fin de grao polo seu expediente. Ademais, Jesús Benítez é delegado permanente no Comité de Economía Dixital da OCDE e membro asociado do Martin College da Universidade de Oxford.

The contents of this page were updated on 07.23.2014.