Skip to main content

Unha tese descarta podas en piñeiros con troncos de menos de 12 centímetros de diámetro e rexeita o corte das pólas grosas

De esquerda a dereita, Asunción Cámara, Klaus von Gadow, Andrea Hevia, Fernando Castedo, Roque Rodríguez e Isabel Cañellas, na Escola Politécnica Superior de Lugo
De esquerda a dereita, Asunción Cámara, Klaus von Gadow, Andrea Hevia, Fernando Castedo, Roque Rodríguez e Isabel Cañellas, na Escola Politécnica Superior de Lugo
O catedrático da USC Juan Gabriel Álvarez dirixiu a investigación feita pola doutoranda asturiana Andrea Hevia Cabal e defendida na Escola Politécnica Superior de Lugo

Unha investigación que estuda as coníferas de crecemento rápido en España descarta podas en piñeiros con troncos de menos de doce centímetros de diámetro e rexeita o corte das pólas cuxo grosor rebase os tres centímetros, por mor da gravidade da ferida provocada nas árbores e das dificultades para a cicatrización do corte. Estas conclusións supoñen algunhas das achegas da tese de doutoramento ‘Influencia da poda no desenvolvemento de masas de Pinus radiata. D. Don e Pinus pinaster Aiton en Asturias’, defendida na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo pola doutoranda ovetense Andrea Hevia Cabal.

O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Juan Gabriel Álvarez, e o director científico do Centro Tecnolóxico e da Madeira de Asturias (Cetemas), Juan P. Majada Guijo, dirixiron a investigación do doutoramento de Andrea Hevia, cuxa tese mereceu a cualificación de apto cum laude por parte do tribunal avaliador, presidido por Klaus von Gadow e integrado polos doutores Isabel Cañellas Rey, Asunción Cámara Obregón, Fernando Castedo Dorado e Roque Rodríguez Soalleiro. Andrea Hevia, que logo de completar a enxeñaría de Montes na Politécnica de Lugo, estivo como bolseira FPU no grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS), traballa na actualidade como investigadora do Cetemas, onde desenvolveu parte das pescudas da súa tese de doutoramento, para a que empregou datos procedentes unha rede experimental de ensaios de podas e claras instalados en masas de Pinus pinaster D.don e Pinus radiata Aiton do Principado de Asturias. O obxectivo xeral da tese é a avaliación e a caracterización do efecto da poda no crecemento e forma das árbores de masas procedentes de plantación e rexeneración natural de Pinus radiata e Pinus pinaster en Asturias, dúas coníferas de crecemento rápido que constitúen un importante potencial forestal como produtoras de madeira no chamado Arco Atlántico. Demanda de madeira As previsións indican que a demanda mundial de madeira seguirá a medrar nas próximas décadas, período no que tamén crecerá a demanda de madeira de calidade, sen nós, cun valor comercial moi superior. Para a obtención de produtos libres de nós é necesario que as actividades de xestión posteriores á plantación estean orientadas a maximizar o valor dos produtos finais, para que as podas e as claras se antollan como as actividades silvícolas máis determinantes na obtención de madeira de calidade. A axeitada xestión dos restos de podas ou cortas tamén é un parámetro a ter en conta neste cometido, segundo mantén Hevia na súa investigación. Para facilitar esta xestión, que, segundo se subliña nesta tese de doutoramento, aínda é deficiente no ámbito de referencia, é preciso determinar ecuacións que permitan cuantificar a distribución da biomasa ao longo do tronco. O coñecemento destes datos posibilitarían asemade estimar o risco de iniciación e de propagación dos lumes nas copas, os máis perigosos e os que provocan máis danos nas masas destas especies de coníferas, segundo salienta esta investigadora.

The contents of this page were updated on 03.21.2013.