Vertixe Sonora Ensemble ofrece este martes na Casa do Saber o concerto ‘Ouvir o espazo’, un diálogo entre música e arquitectura

O colectivo Vertixe Sonora Ensemble pechará este martes, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o ciclo ‘Do Audible’, co concerto ‘Ouvir o espazo’, unha actuación na que se abordan as relacións entre música, espazo e arquitectura. A formación Vertixe Sonora Ensemble, que integra solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea en Galicia e favorece un espazo aberto de reflexión , discusión e intercambio na música contemporánea, interpretará na clausura do ciclo ‘Do Audible’ as obras 24, de Manuel Rodríguez Valenzuela; Rebonds, de Ianna Xenakis, e Durban, de Ramón Souto. Nesta ocasión, Vertixe Sonora Ensemble contará coa participación do arquitecto Alfredo Sirvent, quen ofrecerá un breve relatorio no que abordará a configuración arquitectónica dos espazos de recepción de música, dúas disciplinas nas que se aprecian non poucos paralelismos no seu vocabulario e que semellan destinadas a entenderse. O Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo tamén terá este martes un protagonismo de seu no marco clausura do ciclo ‘Do Audible’, un programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co obxecto de trazar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneo. As bailarinas Eva González, Uxía Pérez, Icía Rey, Iria Rivas e Marina Rojas, do Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, acompañarán sobre o escenario a Vertixe Sonora Ensemble coas coreografías da obra Rebonds, de Iannis Xenakis, feitas por Raquel González e Reyes González. Vertixe Sonora Ensemble, un colectivo integrado por Pablo Coello (saxofón baixo), Thomas Piel (violoncello), Rubén Barros (guitarra eléctrica), Diego Ventoso (percusión), David Durán, Haruna Tabeke (piano) e Ángel Faraldo (difusión do son), xurde co afán de manter unha estrutura estable de encomendas, favorecer a creación de producións musicais de actualidade e de dinamizar o espectro sonoro contemporáneo desde a vertixe peninsular, pero nunha perspectiva internacional. O concerto ‘Ouvir o espazo’ desenvolverase a partir das 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. A entrada ao espectáculo é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo, con capacidade para unhas 100 persoas.