Skip to main content

Enrique Moreno, Premio Príncipe de Asturias, inaugurou en Santiago o XV Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes

Foto: Servimav-USC
Foto: Servimav-USC

Estudantes de Medicina de todo o mundo danse cita esta semana en Santiago no XV Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes, que inaugurou este mércores cunha conferencia na Facultade compostelá o doutor Enrique Moreno, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 1999, pioneiro no campo dos transplantes en España e un dos cirurxiáns de referencia no ámbito europeo. A apertura estivo presidida polo reitor Juan Casares e a ela asistiron ademais o decano do centro, Juan Gestal, e o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro, entre outros. O encontro, que se prolongará ata o día 15 organizado polo Grupo Independente de Estudantes de Medicina (G.I.Me.), tratará diversas cuestións que van dende a cirurxía militar ata a pediátrica de vangarda pasando pola cirurxía de urxencia ou a plástica e mesmo cómo debería ser na actualidade a ensinanza da especialidade.

As persoas que participen no congreso asistirán a tres días completos de coñecemento nos que expertos de renome de toda España achegarán as claves das distintas especialidades cirúrxicas. Ademais, terán a oportunidade de participar en diversos talleres prácticos que contribuirán a unha mellor formación do estudantado de Medicina.

Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 11.13.2013.