A Politécnica avanza na selección de substratos para cubertas vexetais e na optimización dos sistemas de rega soterrados

Investigadores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo están a desenvolver diversas liñas de traballo relacionadas coa selección dos substratos máis acaídos para a instalación de cubertas vexetais e co estudo da dinámica e do movemento da auga no solo baixo o efecto de diferentes sistemas de rega, mediante o emprego das técnicas TDR e a Tomografía Eléctrica Resistiva.
Os últimos resultados destas dúas liñas de investigación, respectivamente coordinados polos profesores Adolfo López, Jorge Dafonte e Javier J. Cancela, presentáronse no marco das XI Xornadas de Investigación na Zona non Saturada do Solo ‘ZNS’13’, un foro que congregou do 6 ao 8 de novembro máis de 30 investigadores vinculados a centros e universidades españolas e cuxas liñas de traballo están relacionadas coa zona non saturada do solo, a parte da terra que non está permanentemente asolagada e que resulta de vital importancia, tanto a nivel produtivo como ambiental. As achegas feitas polos investigadores da Escola Politécnica Superior no marco deste congreso centráronse na selección de substratos para cubertas vexetais e na mellora e optimización dos sistemas soterrados de rega. Así, o profesor Adolfo López presentou nas xornada ZNS’13 distintas observacións respecto dun proxecto de selección de substratos para as instalacións de cubertas vexetais. O interese desta investigación está relacionado co crecente nivel de emprego das cubertas axardinadas nas edificacións urbanas. O interese das mesmas radica na extensión dos espazos verdes urbanos e a súa función ecolóxica ambiental, a mellora do comportamento hidrolóxico das cidades, así como coas posibilidades de aforro enerxético que ofrecen este tipo de cubertas vexetais. De feito, estas instalacións exteriores permiten que o interior das dependencias que recobren teñan unha temperatura máis fresca no período estival, ao tempo que actúan como protectores e illantes do frío no inverno. Os substratos destinados a cubertas axardinadas deben combinar unha alta capacidade de drenaxe cunha suficiente retención de auga para o mantemento da vexetación durante o verán, ó tempo que é necesaria a súa persistencia durante moitos anos. Esto conséguese mesturando diferentes compoñentes, nos que se dá prioridade á reciclaxe e á reutilización de residuos para a valorización dos mesmos, aumentando así as funcións ecolóxicas destes xardíns nos tellados, explica o profesor Adolfo López. Sistemas de rega soterrada A mellora e optimización dos sistemas de rega soterrados ou tamén chamados sub-superficiais, tamén tiveron protagonismo no marco dos debates desenvolvidos na última edición das xornadas de investigación sobre a zona non saturada do solo, un foro no que os profesores Javier J. Cancela e Jorge Dafonte expuxeron os traballos xa desenvolvidos referidos á determinación da distancia das bocas de auga nos sistemas de goteo soterrados e tamén ao control da presenza e movemento da auga no solo mediante técnicas TDR e de Tomografía Eléctrica Resistiva. Cancela explicou neste senso que o Grupo de Investigación de Proxectos e Planificación (GI-1716) da USC, ao que pertence, desenvolveu experiencias de control e medición en zonas de viñedo de Rías Baixas e da D.O. Bierzo. Os investigadores empregaron nos dous experimentos tubos de rega enterrados que tiñan orificios dispensadores de auga separados a unha distancia dun metro, para logo comprobar se esta separación das bocas de auga permitía xerar unha franxa húmida permanente na terra, a fin de testar e validar a operatividade dos dispositivos.
Outros dos proxectos relacionados co coñecemento da dinámica e do movemento da auga procedentes de sistemas de rego soterrados nos solos estiveron coordinados polo profesor da Escola Politécnica Superior Jorge Dafonte, quen recorreu a técnicas máis laboriosas e de carácter menos invasivo sobre o terreo, para coñecer as propiedades eléctricas do solo que están moi relacionadas con atributos de calidade física do solo, como a Tomografía Eléctrica Resistiva.