Hanneke Cassel e Mike Block ofrecen este martes unha clase maxistral e un concerto de violín e violonchelo na Casa do Saber

A violinista Hanneke Cassel e Mike Block, co violonchelo, ofrecerán este martes, a partir das 18.00 horas, unha clase maxistral dirixida a estudantes de corda de grao medio e elemental no auditorio da Casa do Saber, o mesmo escenario, que acollerá, a partir das 20.00 horas, un concerto de música de corda.
Esta sesión musical, organizada pola asociación cultural Galicia Fiddle, en colaboración coa Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, e de carácter gratuíto. As persoas interesadas en participar na actividade didáctica, cuxas prazas son limitadas, deben formalizar a súa inscrición e correspondente reserva de praza a través do número de teléfono 639 744 221 ou no enderezo web galiciafiddle.com. Hanneke Cassel, fiddle, e Mike Block, violonchelo e voz, fan música xuntos desde 2007 e nas súas actuacións presentan un espectáculo variado e cheo de emocións, caracterizado pola música tradicional e composicións orixinais que teñen a súa base na tradición celta, na americana e en antecedentes clásicos.
Estes dous músicos estadounidenses caracterízanse por crear sons de vangarda de música acústica, unha innovación sempre respectuosa coa conservación da integridade e a alma da tradición escocesa. Os dous intérpretes contan xa cunha dilatada traxectoria profesional. Hanneke Cassel, licenciada en interpretación musical polo Berklee College of Music de Boston e gañadora do National Scottish Fiddle en 1997, ten ensinado e actuado en toda América do Norte, así como noutros países de Europa, Nova Zelanda, Australia e China. Doutra banda, Mike Block, é un violonchelista innovador de estilo variado, que durante anos compaxinou a súa faceta de pedagogo e compositor coa súa pertenza a varias formacións musicais.