Skip to main content

A comisión sectorial de asuntos estudantís da CRUE solicita unha interlocución “fluída e respectuosa” para cos representantes estudantís

Á súa vez, a RUNAE súmase á postura dos reitores acerca das taxas universitarias e a política de bolsas

O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán, asistiu o pasado xoves en Madrid á reunión do Pleno da Rede Universitaria de Asuntos Estudantís da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas. Na xuntanza emitiuse un comunicado que se deu a coñecer na USC no último Consello de Goberno. Os vicerreitores de Estudantes de todas as Universidades públicas e privadas de España reunidos en Madrid recoñeceron expresamente o labor que realizan os representantes de estudantes como interlocutores lexítimos “xurdidos dun proceso democrático, de acordo ao Estatuto do Estudante Universitario” e solicitaron “a todas as instancias pertinentes unha interlocución fluída e respectuosa”. Ao tempo, acordaron sumarse ao comunicado emitido polos reitores o pasado 25 de abril sobre as taxas universitarias e a política de bolsas. A este respecto, insisten na necesidade de garantir o acceso á educación superior e a permanencia nela mediante un programa de bolsas e axudas ao estudo que cumpra “os criterios de equidade e que estea adecuadamente coordinado coa política de prezos públicos”, de maneira que o acceso á Universidade se basee exclusivamente “en criterios de mérito e capacidade”, entendida esta última en termos económicos.

The contents of this page were updated on 05.28.2012.