O Consello de Goberno dá o visto bo ás modificacións da Normativa de Permanencia
Unha vez tratado na xuntanza do Consello de Goberno da USC este venres, o texto definitivo da Normativa sobre Permanencia nas Titulacións de Grao e Máster da USC está xa listo para a súa aprobación polo Consello Social. A norma regula a permanencia do estudantado en relación a cuestións como os tipos de matrícula, réxime e esgotamento de convocatorias ou progreso académico. Segundo esta convocatoria, a modalidade de matrícula elixida deberá manterse durante todo o curso aínda que en casos excepcionais poderá pasarse de tempo completo a tempo parcial. Ademais o alumnado que inicie estudos nunha titulación deberá superar como mínimo unha materia obrigatoria no primeiro curso. Con respecto ás convocatorias, e con independencia das oportunidades previstas en cada unha, o alumnado poderá concorrer a un máximo de catro nos estudos de grao e dúas nos de máster. Estas convocatorias serán sucesivas sen que sexa posible renunciar a elas unha vez formalizada a matrícula. As convocatorias entenderanse esgotadas cando os estudantes non se sometan a ningunha das dúas avaliacións de xeito que o ‘non presentado’ da primeira oportunidade permita concorrer á segunda oportunidade de exame sempre que non o impida a guía de centro. É dicir, só cando tampouco concorra á segunda oportunidade terase por consumida a convocatoria. A normativa tamén establece que a cualificación dunha convocatoria na que o alumno non se presente ou non supere os obxectivos propostos será de ‘suspenso’, salvo que non se realice ningunha actividade académica, en cuxo caso constará como ‘non presentado’. Non obstante, admitirase unha renuncia sen causa por cada materia. Outros asuntos
Dos 85 másteres universitarios que se ofertarán o vindeiro curso 2012-2013, 12 non terán límite de prazas, segundo o igualmente acordado nesta xuntanza do órgano colexiado da USC, que tamén inclúe na súa orde do día os informes de viabilidade emitidos pola Comisión de Titulacións, cursos de posgrao propios ou o informe das cátedras institucionais, entre outros.