Xuntanza do Pleno do Consello Social da USC
O Pleno do Consello Social da USC reunirase este mércores 24 ás 16:30 horas nunha sesión na que someterá a aprobación a Conta da Liquidación do Orzamento e da Memoria Económica do exercicio 2006. Na xuntanza, que se celebra na sede deste órgano colexiado na Casa da Concha, presentarase tamén o informe da auditoría da USC correspondente ao pasado ano así como o das sociedades mercantís Unixest, Unidixital, Uninova, Unirisco e Cursos Internacionais da USC.
A orde do día da xuntanza inclúe ademais puntos relativos á modificación da relación de postos de traballo do Persoal Docente e Investigador, a aprobación das taxas de cursos de posgrao propios e da participación da USC na European Nuclear Education Network Association (ENEN), información sobre convenios da Universidade, un informe sobre modificacións de complementos retributivos autonómicos do PDI e a aprobación da doazón a favor da USC dun acrílico e dun tractor agrícola.