Skip to main content

A USC e CIUDEN asinan un convenio para favorecer a realización de prácticas en innovación e enerxía

Antonio López e Arsenio Terrón. Foto: Santi Alvite
Antonio López e Arsenio Terrón. Foto: Santi Alvite
O convenio permite ao alumnado do Mestrado en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible formarse nas instalacións da Fundación, facilitando a súa inserción laboral

O reitor da USC, Antonio López, e o director xeral da Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), Arsenio Terrón, asinaron este xoves un convenio de colaboración para que o alumnado do Mestrado en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE), impartido na Facultade de Física, realice as súas prácticas académicas nas instalacións da Fundación.

O obxectivo do convenio é achegar os ámbitos laboral e universitario e facilitar a capacitación e a formación do alumnado para facilitar a súa inserción neste. Así mesmo, esta colaboración realízase no novo marco da transición enerxética e ecolóxica onde ambas as dúas institucións comparten áreas de interese común, dende o ámbito da I+D+i ata o desenvolvemento de ferramentas e protocolos que contribúan á implementación de proxectos sostibles.

Máster en Enerxías Renovables

O obxectivo xeral do MERYCSE é a formación de persoal capacitado para planificar, proxectar, organizar e dirixir proxectos globais no campo das enerxías renovables e a sustentabilidade dentro do complexo marco do cambio climático, apostando pola innovación no medio ambiente.

Representantes da USC e CIUDEN no acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
Representantes da USC e CIUDEN no acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 09.30.2021.