“Reitor, cando era pequeno que quería estudar?”
“Qué hai que estudar para ser reitor?” ou “dá moita calor a toga?” foron algunhas das preguntas que esta mañá lle formularon ao reitor os vinte rapazas e rapaces que, como unha actividade máis do Verán CampUSC no que participan, visitaron o Colexio de San Xerome.
Algúns deles viñan coas preguntas –e as respostas- preparadas da casa, pero a maioría tiña curiosidade por saber se houbera algunha vez unha reitora muller, cantos reitores tivo a USC, quen foron o máis vello e o máis novo, que hai que estudar para ser reitor ou cal foi a primeira facultade da USC.
Notouse a veteranía de Fuco, que este ano abandona o programa logo de estar dende a primeira edición, cando mostrou a súa curiosidade por saber cando a Universidade compostelá rompera a dependencia da Igrexa; e houbo tamén un momento para explorar as vocacións do futuro estudantado, que anunciou que optará maioritariamente pola enxeñaría e o maxisterio. O resto é unha incógnita, pero sabemos que Medicina e Dereito non serán opcións, polo menos polo de agora.
Logo deste encontro, no que o grupo estivo acompañado da vicerreitora Mar Lorenzo e do xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, os rapaces e rapazas ían repetir a experiencia co alcalde da cidade; sendo esta unha das numerosas actividades que contempla o programa de conciliación laboral e familiar da USC para menores de 12 anos que con case unha década de vida agora conta coa colaboración do concello compostelán.