O martes 3 de decembro ás 17.00 horas terá lugar unha nova sesión do ciclo CineFilo, coa proxección da película 'El viatge de la Marta', filme dirixido por Neus Ballús, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. O evento contará coa presenza telemática dun dos seus produtores, Edmond Roch.
A película trata de Marta, de 17 anos, que vai de vacacións a un resort do Senegal con seu pai e seu irmán menor. A través desta viaxe e de todo o que esta implica en relación coas cuestións das diferenzas culturais e de clase, poderase percorrer a traxectoria dun dos produtores cataláns de máis renome, Edmond Roch, con producións de filmes multipremiados e de gran sona internacional como 'Barcelona', de Whit Stillman (1994), 'L’Efecte Papallona', de Fernando Colomo (1995), 'Set Anys al Tibet' de Jean-Jacques Annaud (1997), 'Biutiful' (2010), 'El perfum. Història d’un assassí' (2006), 'El Niño', de Daniel Monzón (2014) e a saga de animación 'Tadeu Jones' (2012-2022). Recentemente con estreas de varias películas, entre elas 'Saben Aquel', que recibiu numerosas nominacións aos Premios Goya e Gaudí, e a serie de true crime 'Tor'.
Roch é un xornalista licenciado en Historia da Arte, recoñecido pola súa traxectoria no mundo do cinema como director, produtor e escritor. Dirixiu e produciu varias curtametraxes, destacando a premiada 'Blood' (1994) e a súa longametraxe 'Garbo, l'home que salvar el món' (2009), que obtivo varios premios, entre eles o Goya ao Mellor Documental. Ademais, escribiu guións para filmes e é autor do libro Pel·lícules Clau del Cinema Bèl·lic (Ed. Ma Non Troppo, 2008). Ademais, foi vicepresidente da Academia de Cine e é presidente do centro de investigación Film-Historia. Actualmente traballa na produción de novos proxectos de Daniel Monzón, David Trueba, Aina Clotet e Javier Ruiz Caldera, así como a cuarta parte de 'Tadeu Jones'.
Proxección do filme 'El viatge de la Marta'
12.03.2024 | 17.00h