Doce artistas contemporáneos ofrecen na Igrexa da Universidade a súa particular visión sobre o territorio
Un retorno á paisaxe dende a ollada contemporánea de varios artistas sobre o territorio. Miradas diverxentes sobre a natureza, o urbano, o real e o artificio. Iso é o que evoca a exposición ‘En (re)torno á paisaxe. Doce olladas contemporáneas sobre o(s) territorio(s)’ que este xoves 23 ás 20.00 horas se inaugura na Igrexa da Universidade nun acto no que participan a adxunta á vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Carmen Segura; a comisaria de exposición, Paula Cabaleiro, e a concelleira de Cultura de Santiago, María Antón. A mostra recolle diferentes maneiras de achegarse a un dos xéneros ‘clásicos’ da historia da arte dende a arte contemporánea, a paisaxe. Doce artistas ensinan a súa particular visión do territorio a través de vídeo, fotografía, pintura, escultura, debuxo e instalacións. A paisaxe maltratada retrátana Ruth Montial Arias e Jorge Perianes con sendas instalacións. Da paisaxe esquecida e a memoria colectiva falán as fotografías de Vari Caramés e de Manuel Sendón, a fotografía e vídeo de Carme Nogueira e de Carla Andrade, o vídeo de Lois Patiño e a fotografía-instalación de Iago Eireos. A paisaxe soñada aparece na escultura-instalación de Pamen Pereira, no debuxo e pintura de Elena Fernández Prada, a instalación téxtil de Sara Colemann e a escultura de Sheila Pazos. ‘En (re)torno á paisaxe’ poderase visitar ata o 31 de maio de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Logo da súa estancia en Santiago a mostra exporase no Museo Arqueolóxico de Cacabelos (León) e no Museo de Pontevedra.