Skip to main content

Alumnado de Historia da Arte retrata ‘Artistas na rúa’

Detalle dunha das imaxes expostas. Imaxe: Alumnado Historia da Arte
Detalle dunha das imaxes expostas. Imaxe: Alumnado Historia da Arte

Alumnado de 3º curso do grao de Historia da Arte inaugurará este venres 8 na Casa das Asociacións (r/ Manuel Beiras, 3. Conxo) a exposición fotográfica ‘Artistas na rúa’ un proxecto que “dá voz e notoriedade aos artistas da rúa de Santiago de Compostela”. A exposición, cuxa inauguración está previsto que comece ás 19.00 horas, permanecerá aberta ao público ata o día 29 de maio. ‘Artistas na rúa’ está ligada a un traballo académico da materia de Museoloxía e Museografía impartida polo profesor Miguel Anxo Rodríguez González, quen supervisou todo o desenvolvemento. O público que se achegue á Casa das Asociacións atopará unha mostra fotográfica realizada polos propios estudantes para narrar o día a día de nove artistas da rúa. A súa intencionalidade é devolver a plena identidade a lugares que serven de tránsito a través da posta en valor do labor dos artistas que os frecuentan “porque, en realidade, as rúas non se conciben sen eles, pero tampouco eles sen as rúas”, sinalan os promotores da iniciativa. As fotografías que conforman a mostra recollen imaxes da actividade cotiá dos artistas e achegan as súas historias persoais. Músicos de formación, autodidactas, artistas plásticos aos que este proxecto expositivo “ trata de arrancalos do anonimato, devolvéndolle ao seu escenario a plena categoría de lugar cargado de arte, visto como un verdadeiro museo ou galería que ofrece grandes oportunidades ao espectador”.

The contents of this page were updated on 05.07.2015.