Skip to main content

Estudan as novas tendencias da demografía histórica

O profesor Isidro Dubert, á dereita, coordina este sétimo obradoiro
O profesor Isidro Dubert, á dereita, coordina este sétimo obradoiro
Familia, muller, mobilidade social, vellez ou sexualidade, cuestións a tratar no VII Seminario do Obradoiro de Historia Moderna

O grupo de investigación de Historia Moderna da USC organiza esta semana o VII Seminario do Obradoiro de Historia Moderna, nesta ocasión arredor das novas tendencias da demografía histórica en Europa. “En contra do que soe pensarse –explica o director do grupo, o profesor Isidro Dubert– a mencionada demografía histórica explícase a partires da Historia Social, de aí que os temas a desenvolver estean centrados na familia, na muller, a mobilidade social ou na sexualidade”. O seminario inaugurouse oficialmente este xoves no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Nos dous días de encontro as persoas asistentes escoitarán relatorios sobre o papel do padroádego na época moderna, a emigración, a vellez, as migracións campo-ciudade, as relación familiares, a ilexitimidade, as redes sociais ou a historia da muller da man de destacados especialistas procedentes da Escola de Altos Estudos en Ciencias Sociais de París e das Universidades de Rouen, Ca' Foscari di Venezia, Zaragoza, Castela-A Mancha, Sorbonne-París IV, Minho, País Vasco-EHU e da Universidade de Santiago. A asistencia ao encontro ten un recoñecemento de 10 horas de actividades formativas no Programa de Doutoramento de Historia, Xeografía e Historia da Arte. O grupo Dezasete persoas traballan no Grupo de Investigación de Historia Moderna que desde hai máis de 30 anos se ocupa de investigar as máis variadas facetas da historia de Galicia na época moderna. Durante este longo período de tempo o grupo atendeu o estudo do relativo á demografía e historia da poboación, historia cultural e das mentalidades, social, militar, da familia, das migracións, da relixiosidade e da Igrexa, das mulleres ou da administración e as institucións.

The contents of this page were updated on 10.22.2014.