O alumno Daniel Candal Castro gaña o Concurso de Ideas para o deseño do cartel e da imaxe da USC na campaña do curso 2014-2015
O alumno de 4º curso da Facultade de Ciencias Políticas e da Administración Daniel Candal Castro recibiu este martes 20 de mans do reitor Juan Casares o primeiro premio, dotado con mil euros, do Concurso de Ideas para o deseño do cartel e da imaxe da USC na campaña do curso académico 2014-2015. O deseño presentado, ‘Unha universidade para o futuro’ será a imaxe que se vai utilizar na campaña de matrícula da Universidade compostelá para o vindeiro curso, así como no material de difusión da USC. Nesta quinta edición do Concurso, o accésit recaeu no estudante de 4º curso do grao en Historia da Arte Manuel Magán Abollo , autor do deseño ‘Alén do saber’, polo que recibirá unha dotación económica de 600 euros. Na súa decisión, o xurado desta convocatoria valorou a calidade, o valor artístico e a versatilidade de adaptación de ambas as súas propostas aos diferentes soportes e formatos que se empregarán na campaña do próximo curso. Integraron o xurado o vicerreitor de Estudiantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa; a xerenta da USC, María Lourdes Batán Aira; a directora da Oficina de Información Universitaria, Isabel Braña Tobío; o director do Gabinete de Comunicación, Luís Celeiro Álvarez; e o coordinador do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, Luís Hervella Torrón. A esta convocatoria podía concorrer estudantado universitario e de ensino medio residente en Galicia e que curse estudos en calquera centro desta comunidade autónoma. Cada concursante podía presentar ata un máximo de dúas propostas de carteis, sempre orixinais e inéditas. En total, concorreron 55 propostas procedentes das tres universidades galegas así como de alumnado de Bacharelato e de Formación Profesional. O reitor fixo entrega dos premios aos galardoados