O profesor Miguel Taín Guzmán desenvolverá unha estadía no Harvard University Center for Italian Renaissance Studies en Villa I Tatti
O profesor de Historia da Arte Miguel Taín Guzmán acaba de recibir a bolsa Craig Hugh Smyth da Universidade de Harvard para realizar unha estadía no Harvard University Center for Italian Renaissance Studies en Villa I Tatti durante os próximos meses de abril, maio e xuño. Deste xeito, o profesor Taín Guzmán continuará as súas investigacións sobre a viaxe do príncipe toscano Cosimo II Ide Medici por España. Dende a chegada dos primeiros bolseiros en 1961, o Harvard University Center for Italian Renaissance Studies de Villa I Tatti converteuse no centro de investigación máis importante do mundo sobre arte, literatura e música do Renacemento italiano. A Universidade de Harvard herdou Villa I Tatti, nas aforas de Florencia, do historiador da arte Bernard Berenson, quen tamén legou a súa biblioteca, colección de fotografía e obras de arte. Concretamente, a biblioteca Berenson alberga preto de 175.000 volumes e 600 subscricións a revistas especializadas en diferentes aspectos do Renacemento, ademais de incluír unha ampla colección fotográfica e aproximadamente 250.000 impresos. Na actualidade, o centro acolle nas súas instalacións a profesores e investigadores de todo o mundo a modo de espazo de intercambio de ideas, ademais de apoiar con financiamento o desenvolvemento de proxectos de investigación. Conferencias, seminarios e concertos ofrecen oportunidades ao persoal investigador para compartir os seus resultados e madurar as súas conclusións. Este conxunto explica en boa medida que boa parte das publicacións sobre o Renacemento italiano dende os anos 70 estean asinadas por bolseiros do centro.