O GCSUS mantén aberta a mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ ata o 16 de xuño no Mihl

O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela (GCSUS) manterá ata o vindeiro 16 de xuño as visitas á mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, unha exposición artellada ao abeiro da quinta edición do programa ‘Sons Creativos’, coordinado pola directora do GCSUS, a catedrática da área de Música da USC, Inmaculada Cárdenas, e que permanece aberta ao público nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) desde o 11 de maio.
A exposición ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ achega ao público obras compostas polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), entre as que se atopan pezas electroacústicas e propostas audiovisuais. A mostra inclúe tamén dous dos antecedentes de arte sonora desenvolvidos en Lugo co apoio da Universidade de Santiago, como o concerto de esculturas sonoras, a cargo do grupo Espacio Permeable, e o concerto de campás Sacra Lucus, de Llorenç Barber. A mostra, presentada en forma de instalacións sonoras ou audiovisuais, inclúe información sobre o traballo desenvolvido polo Grupo de Creación Sonora da USC. Nesta relación cómpre citar ‘ Música&Arquitectura’, do 2001; a opera ‘Serea e contador de contos’, de 2002; Grupo de creación musical en concerto, de 2007; Música e entorno, de 2009, e Música, espazos e cidade’, presentado o pasado ano 2012 e no se compilan os resultados dos traballos das tres primeiras edicións de ‘Sons creativos’. Asemade, esta colectiva tamén permite ouvir o concerto ‘Construír/Deconstruír’, que serviu de colofón á última edición de ‘Sons Creativos’.
Os promotores desta obra colectiva, que xa recibiu a visita de varios centos de persoas ao longo do mes de maio, ofrecen tamén a posibilidade de participar nos itinerarios guiados que se organizan todos os xoves, a partir das 19.00 horas.