Pasar al contenido principal

A Estación Científica do Courel acolle este sábado 23 de novembro unha nova xornada de iniciación á micoloxía

O programa inclúe dous relatorios sobre morfoloxía dos cogomelos e diferenciación entre especies comestibles e velenosas, ademais dunha saída ao monte

As instalacións da Estación Científica do Courel, dependentes da Universidade de Santiago de Compostela, acollerán este sábado, unha nova xornada de iniciación á micoloxía. Esta sesión, promovida polo director da Estación Científica do Courel, o catedrático Antonio Rigueiro, para poder achegar ao mundo da micoloxía a todas aquelas persoas que non puideron participar na sesión celebrada o pasado 16 de novembro, está estruturada en dous relatorios e unha saída ao campo.

A temática dos dous relatorios previstos versará sobre as formas de vida e a morfoloxía de cogomelos, así como sobre as claves para a diferenciación entre especies velenosas e comestibles, uns coñecementos que o público asistente poderá poñer en práctica xa en quenda de tarde, a partir das 16.00 horas, durante unha saída ao monte para recoller e identificar cogomelos. O programa da xornada comezará ás 10.00 horas coa recepción dos participantes e un relatorio sobre as formas de vida dos fungos e a morfoloxía dos cogomelos. Logo dunha pausa, a xornada matinal continuará cun segundo relatorio sobre as principais especies comestibles e velenosas. O director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez, e o tamén profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Manuel Antonio Rodríguez Guitián, serán os encargados de impartir estas sesións, nas que tamén abordarán cuestións relativas ás pautas para diferenciar as distintas especies, falsas regras, intoxicación por inxestión de cogomelos, localización das especies de máis interese e incluso apuntarán sinxelas preparacións de cociña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2013.