Rigueiro disertará este luns sobre as producións non madeireiras da Reserva dos Ancares Lucenses na Deputación de Lugo

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez, abrirá o vindeiro luns 18 de novembro, no salón de actos da Deputación de Lugo, o ciclo Doutor Luis Asorey García, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración doa Universidade de Santiago e cuxa temática nesta edición versará sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
O relatorio de Antonio Rigueiro, quen tamén é membro de número de Real Academia Galega de Ciencias, ademais de, entre outros cargos, director da Estación Científica do Courel, desenvolverase baixo o título ‘As producións non madeireiras do bosque na Reserva dos Ancares Lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá’. A intervención de Rigueiro comezará a partir das 19.30 horas, no salón de actos da Deputación de Lugo, o mesmo escenario no que se desenvolverán os outros seis relatorios incluídos neste ciclo monográfico e que terán lugar os días 18, 19, 20, 21, 25, 26 e 27 de novembro, e que terá como colofón un relatorio do profesor da USC e vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil, sobre as reservas da biosfera en Galicia. A inscrición neste ciclo de relatorios é de balde para todas as persoas interesas e os estudantes de grao da Universidade de Santiago que formalicen a súa matrícula neste programa e asistan a todas as sesións poderán solicitar o recoñecemento dun crédito de libre configuración.