O trío galego ‘Sumrrá’ ofrece este martes un concerto na Casa do Saber no marco do XXIII Festival de Jazz de Lugo

O trío de jazz ‘Sumrrá’, integrado por tres músicos galegos, ofrecerá este martes, a partir das 20.00 horas, un concerto no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, no marco do XXIII Festival de Jazz de Lugo, que se prolongará ata o vindeiro sábado, día 16 de novembro.
O trío ‘Sumrrá’ , formado no ano 2000, deixa atrás xa centos de concertos, catro discos e varias xiras internacionais nestes 13 anos, período no que esta formación ten deixada a súa pegada en festivais de Bolivia, Bulgaria e Sudáfrica. A crítica especializada salienta a orixinalidade das súas composicións, o virtuosismo da música de ‘Sumrrá’, un trío integrado polo pianista Manuel Gutiérrez, Xacobo Martínez Antelo, ao contrabaixo, e Lar Legido, na batería, así como a contaxiosa frescura que depara a música dos seus directos. O concerto desta formación, considerada como o trío galego máis internacional e cunha das traxectorias máis constantes e sólidas, comezará ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo, con capacidade para unhas 100 persoas.