Pasar al contenido principal

Diego Martínez Santos, premio Young Experimental Physicist’, imparte este martes unha conferencia sobre o bosón de Higgs

Diego Martínez Santos
Diego Martínez Santos
Organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC para conmemorar os premios Nobel e Príncipe de Asturias aos descubridores do bosón

O focense Diego Martínez Santos, premio Young Experimental Physicist da Sociedade Europea de Física, imparte este martes 19 en Santiago a conferencia ‘A física de partículas e o descubrimento do bosón de Higgs no CERN’. Será ás 20.30 horas no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19). O conferenciante, na actualidade investigador no Nationaal Instituut voor Subatomaire Fysica (NIKHEF), será presentado polo profesor Carlos Pajares Vales, catedrático de física teórica da USC e delegado científico no Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN). Celebrando o Nobel e o Príncipe de Asturias A conferencia está organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC para conmemorar as concesións dos premios Nobel e Príncipe de Asturias aos profesores Peter Higgs e François Englert, este ultimo compartido co CERN. O evento forma parte ademais do ciclo ‘O bosón de Higgs: un descubrimento con participación española’ organizado polas institucións do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN). Os premios son consecuencia do descubrimento do bosón de Higgs no CERN, que confirmou experimentalmente a teoría da ruptura espontánea da simetría electrofeble predita polos profesores Higgs e Englert, entre outros. Na conferencia o doutor Martínez Santos fará unha introdución para o público xeral da física de partículas, explicando a relevancia do bosón e o campo de Higgs e revelando tamén os aspectos experimentais do achado. O conferenciante Diego Martínez Santos (Foz 1982) cursou o bacharelato no IES Vilaxoane de Foz e licenciouse en Física pola USC. En 2005, rematada a carreira, únese ao experimento LHCb no CERN como estudante de doutoramento da USC. Nese tempo realiza contribucións ao deseño do trigger e prepara a análise do decaemento B0S→μ+μ–, un dos obxectivos principais do experimento. Tras doutorarse en 2010 continúa investigando en LHCb contratado por dous anos no CERN, e actualmente polo laboratorio holandés NIKHEF. Os seus estudos na desintegración B0S→μ+μ– mereceron o premio ‘Young Experimental Physicist’ deste ano. Actualmente é coordinador dun dos grupos de análise do experimento LHCb e membro do ‘ Physics Planing Group’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2013.