Máis de mil universidades asistirán en Río de Janeiro ao III Encontro Internacional de Reitores Universia
Co horizonte posto no verán de 2014 estes días presentouse en Río de Janeiro o III Encontro Internacional de Reitores Universia que reunirá nesa cidade brasileira 1.100 universidades de 46 países de todo o mundo que contribuirán a proxectar a Universidade iberoamericana no contexto mundial e dar un sentido pleno ás ‘10 claves para o Espazo Iberoamericano do Coñecemento’ que constitúen o programa do encontro ao que asistirá a USC. Universia, impulsada por Banco Santander e á que pertence a compostelá, é a rede de universidades más importante do mundo ao agrupar 1.240 universidades de 23 países representando un total de 14.3 millóns de estudantes e docentes. En 2005 tivo lugar a primeira edición do encontro en Sevilla coa asistencia de 500 reitores, e cinco anos despois tivo lugar en Guadalaxara, México, o segundo coa asistencia de 900 reitores e representantes de universidades iberoamericanas recollendo as súas conclusións na chamada axenda de Guadalaxara. ‘A universidade do século XXI: unha reflexión desde Iberoamérica’ é o lema que preside o encontro, no que se analizará o futuro da universidade, a súa capacidade de resposta ante as demandas da sociedade actual e a proxección da universidade iberoamericana no contexto mundial. Medio millar de reitores involucráronse na selección dos temas a tratar e que son, entre outros, a interacción da universidade coa comunidade universitaria, a docencia e investigación, a adaptación ás novas tendencias sociais, as posturas a tomar ante as novas tecnoloxías, as estratexias de internacionalización ou o financiamento universitario. Ademais, as reflexións continuarán cunha enquisa aos responsables das universidades socias de Universia e con foros abertos en www.universiario2014.com para toda a comunidade universitaria. Dado o papel clave que xoga a tecnoloxía como facilitadora da aprendizaxe e a ensinanza e como novedade fronte aos anteriores encontros desenvolveuse unha aplicación dixital que facilitará a creación dunha gran rede académica internacional de comunicación e colaboración.