Pasar al contenido principal

Fin de curso para dúas novas promocións dos graduados Sénior e Superior Sénior do IV Ciclo

A promoción 2008-2011 do Graduado Sénior e a de 2007-2012 do Superior Sénior celebrarán este venres 1 de xuño o acto fin de curso do IV Ciclo Universitario, nunha sesión que comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán. Acompañarán ao vicerreitor a concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago, Paula Prado, e a subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Patricia Toubes. A quenda de palabra comezará coa intervención de María de los Ángeles Villapol en representación da 11ª promoción de Graduados Superiores Sénior, que integran 22 tituladas e seis titulados. Seguiralles a madriña da promoción, a profesora Mª Dolores Barral, a quen o vicerreitor Francisco Durán lle imporá a insignia do IV Ciclo, e o director do IV Ciclo Maximino Quintáns. O acto proseguirá coa entrega de diplomas ás 27 graduadas e nove graduados Sénior e a entrega de insignias aos do ciclos Superior Sénior. O IV Ciclo Universitario é un programa de formación dirixido a maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel académico previo, pero con características e demandas de formación reguladas, que cada vez en maior medida esixe a composición demográfica da poboación. Este ciclo formativo busca, dende o seu inicio en 1997, a integración conceptual do programa nos demais ciclos que se imparten dentro desta Universidade. Representación teatral Na mesma xornada e con motivo da celebración do Ano Europeo do Envellecemento Activo e da Solidariedade Interxeracional, a Compañía de Teatro ARTE Maior, integrada por alumnado e ex alumnos do IV Ciclo, interpretará a partir das 17.00 horas no Salón de Actos do Colexio La Salle a obra Aforro Ordinario, de Inma Antonio. De entrada gratuíta, a obra preséntase como un enredo, cómico na forma e tráxico no fondo, que se desenvolve no interior dunha sucursal bancaria na que cada día de San Valentín se aparece, dende hai corenta anos, un morto que lembra o seu suicidio. A montaxe desenvólvese directamente a partir da primeira edición da obra, publicada por Edicións Embora no 2006. Arte Maior Teatro está formada por membros da Asociación de Alumnos e Ex-alumnos do IV Ciclo da USC, sendo esta a súa primeira montaxe e , para a maioría dos/as participantes, o primeiro contacto cun escenario teatral.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.05.2012.