O director xeral de Agricultura da UE clausura en Lugo o máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio
O venres 1 de xuño ás 16.30 horas, no Salón de Actos do CACTUS de Lugo, terá lugar a clausura da segunda edición do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, impartido pola Escola Politécnica superior do campus lucense. O acto, que servirá tamén para a presentación das novidades da terceira edición deste posgrao, estará presidido polo reitor da USC, Juan Casares, acompañado polo director Xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; e o coordinador do máster, Rafael Crecente. José Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, impartirá a conferencia de clausura. No mesmo acto farase a presentación do libro Territorios a exame, traballos de ordenación territorial, publicado pola Universidade de Santiago de Compostela e que recompila traballos do alumnado na primeira edición do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio.