Pasar al contenido principal

‘O triángulo e o ruido’, a proposta do artista Diego Santomé co alumnado do Máster en Arte da USC

Diego Santomé. Diagonais negras, 2012. Póster, cuberta da publicación editada con motivo da exposición 'O triángulo e o ruído’, Colexio de Fonseca, xuño 2012
Diego Santomé. Diagonais negras, 2012. Póster, cuberta da publicación editada con motivo da exposición 'O triángulo e o ruído’, Colexio de Fonseca, xuño 2012
A exposición inaugurarase o 6 de xuño no Colexio de Fonseca

O poder, a tensión e a memoria social son os eixos da exposición O triángulo e o ruído, de Diego Santomé (Vigo, 1966), resultado da colaboración entre o artista e o alumnado da V edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC que poderá visitarse no Colexio de Fonseca do 6 ao 30 de xuño. Canalizada a través dos materiais, o artista vigués propón dúas producións realizadas especificamente para os espazos onde se emprazan. Na capela gótica instálase a obra ‘Triángulo’, un triángulo negro de 7,5 metros de altura que se erixe no espazo confrontándose co seu fondo. Xa na sala artesoada atópase a peza sonora ‘Ruído’, unha selección de discursos políticos pronunciados por personaxes relevantes da vida pública galega durante as sesións parlamentarias que, manipulados polo artista, xeran unha sensación de angustia. Os contrastes articulados nesta exposición non teñen vontade disgregatoria, senón que son unha mostra de como a tensión entre dúas entidades diferentes poden formar un equilibrio, revertendo nunha metáfora dos tempos actuais. Diego Santomé Nas súas producións Diego Santomé fuxe das incoherencias entre o formato e a mensaxe botando man de materiais próximos, existentes, de arquivo e, en moitos casos, de desfeito, que falan por si mesmos. Outras veces as imaxes dos seus filmes aproximan ao espectador a realidades pasadas que se recoñecen presentes. Esta austeridade e desprezo do superfluo en vida e arte aproxímano ao minimalismo na súa expresión artística. Inauguración O triángulo e o ruído inaugurarase o mércores, 6 de xuño, ás 20.00 horas. Ese mesmo día haberá unha presentación para os medios de comunicación ás 11.00 horas nas propias salas expositivas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.05.2012.