Pasar al contenido principal

O coro universitario actúa en Santiago este martes acompañado da Capela Compostelá

Interpretará pezas dos séculos XVI e XVII compostas ao abeiro das catedrais construídas en América tras o Descubrimento

O Coro da Universidade de Santiago de Compostela actuará este martes 29 na Igrexa Universitaria acompañado pola instrumentación da Capela Compostelá. A cita, que leva por título ‘ Nueva España. Música do período virreinal nas catedrais de México, Puebla e Santiago de Compostela’, será ás 21.00 horas con entrada libre ata completar aforo. Baixo a dirección de Miro Moreira, no recital farase un percorrido polos compositores que desenvolveron o seu labor musical ao abeiro das catedrais construídas en América tras o Descubrimento, como Pedro Bermúdez, Juan Gutiérrez de Padilla, Juan de Lienas, Francisco López Capillas, José Vaquedano, Juana Inés de la Cruz, Gaspar Fernández, Francisco Escalada ou Francisco Céspedes. A construción de catedrais en América nos séculos XVI e XVII abriu un novo mundo de posibilidades para os músicos españois da época, moitos dos cales embarcaron cara aos territorios de Ultramar para desenvolveren alí a súa carreira. Panxoliñas, invitatorios, aleluias, salves e outras obras litúrxicas compoñen o repertorio da música relixiosa española en América, que gozou de tanto prestixio e recoñecemento como a peninsular.

O coro da USC presenta como solistas as sopranos Aida López e Anna Melikhova; o alto Martín Viaño; os tenores Diego Neira e José María Ares; e o baixo Xurxo Varela. Por parte da Capelá Compostelá estarán o seu director, Francisco Luengo (viola), Hugo Kesteman (fagot), Manuel Vilas (arpa) e Juan Manuel Varela (clave e órgano).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2012.