O Campus Terra forma en xestión técnica e económica de explotacións leiteiras a máis de 70 gandeiros de toda Galicia
O Campus Terra da USC achega formación en xestión técnica de explotacións leiteiras a máis de 70 gandeiros e gandeiras de toda Galicia ao abeiro dunha actividade promovida pola USC e a Deputación Provincial de Lugo ligada á Granxa Campus Terra. Esta explotación con fins docentes, investigadores e de transferencia ao sector comezará en breve a súa actividade na finca Gayoso-Castro de Castro de Rei con 70 vacas en produción e, en liña coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC, aspira a converterse nunha infraestrutura útil para favorecer a investigación e innovación na area da transformación e valorización da produción leiteira, ademais de achegar solucións e valor engadido ao sector en tódolos os elementos da cadea de produción.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o deputado provincial delegado da área de Recursos Sostibles, Roberto Fernández, salientaron na apertura desta acción formativa o “duro golpe” provocado pola crise sanitaria e socioeconómica da pandemia derivada da COVID-19. O sector lácteo, que é un piar produtivo básico na provincia de Lugo, non permanece alleo a esta nova realidade chea de ameazas e incertezas sociais e económicas, segundo se desprende da enquisa a gandeiros e gandeiras impulsada desde o propio Campus Terra da USC e cuxos datos preliminares se deron a coñecer este venres na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, na sesión de apertura dun programa específico de transferencia de coñecemento organizado a petición do 80% dos produtores que participaron nesta enquisa.
O perfil medio dos gandeiros que responderon á enquisa do Campus Terra da USC é o de produtores que xestionan explotacións de entre 50 e 100 animais e que contan cunha superficie territorial de entre 20 e 40 hectáreas. Na súa maioría, estiman que a crise asociada á pandemia da COVID-19 ten un impacto directo no prezo do leite, na contratación de persoal e no prezo de venda dos xatos para carne. Ante esta situación e cunhas expectativas de futuro que apuntan cara unha baixada das marxes do leite e un incremento de controis sanitarios, segundo as opinións do sector, a resposta das explotacións de vacún de leite está a traducirse nunha diminución de insumos externos, un maior uso de pastos e forraxes e, en xeral, na parálise de inversións.
O aumento da demanda de leite de calidade e a progresiva activación de terras para uso agrario son dúas das oportunidades que, segundo constatan os produtores e produtoras que participaron na enquisa realizada polo Campus Terra da USC, poden contribuír a reverter a complexa situación pola que atravesa o sector leiteiro. Alén destas consideracións, os gandeiros e gandeiras tamén constatan nesta consulta o seu desexo de mellorar e ampliar a súa formación, xa sexa de xeito presencial ou en liña, e ven na USC e na súa relación directa co sector unha canle axeitada para achegar formación e investigación a pé de campo.
As demandas do sector gandeiro respecto da USC foron moi ben acollidas por parte de Montserrat Valcárcel, quen aproveitou este encontro cos produtores para reiterar o compromiso do Campus Terra para avanzar neste eido a través da futura organización de novas actividades de formación específica. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo convidou asemade ao colectivo de gandeiros e coñecer as instalacións e as posibilidades de I+D+i da Granxa do Campus Terra no marco da xornada de portas abertas que se celebrará nos próximos meses.
Curso de xestión técnica e económica de explotacións leiteiras
O asesor agrogandeiro Xan Pouliquen é o responsable da formación programada ao abeiro do curso gratuíto en xestión técnica e económica de explotacións leiteiras promovido desde o Campus Terra da USC, un módulo de carácter semipresencial que inclúe 5 horas de formación en liña e que terá continuidade con outra sesión presencial no Campus Terra o 31 de agosto en quenda de tarde, de 14.00 a 18.00 horas.
As instalacións universitarias nas que se desenvolven as sesións presenciais deste curso contan cos medios necesarios para garantir as medidas sanitarias fronte á COVID-19. De feito, o protocolo aprobado inclúe mecanismos para garantir o rastrexo en caso de contaxios. Aínda así, as persoas inscritas deben acudir ás sesións provistos de máscara e DNI. Asemade, no caso de producirse algunha excepcionalidade relacionada coa pandemia que dificultara a convocatoria presencial, esta acción formativa desenvolveríase en liña na súa totalidade.