Pasar al contenido principal

Sebastián Villasante, coordinador dun grupo de traballo sobre resiliencia costeira no European Marine Board

O grupo que coordina Sebastián Villasante avaliará os marcos conceptuais para a cooperación transfronteiriza na planificación mariña
O grupo que coordina Sebastián Villasante avaliará os marcos conceptuais para a cooperación transfronteiriza na planificación mariña
Este foro avaliará os marcos conceptuais para a cooperación transfronteiriza na planificación mariña, así como os necesarios axustes na lexislación comunitaria
Lugo

O profesor da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Sebastián Villasante, acaba de ser seleccionado para dirixir o novo grupo de traballo sobre resiliencia costeira que, dende o  European Marine Board (EMB), avaliará os marcos conceptuais para a cooperación transfronteiriza na planificación mariña, así como os necesarios axustes na lexislación comunitaria. Este grupo informará sobre os resultados ás institucións europeas e mellorará a formación en conservación costeira e resiliencia entre científicos,  actores políticos, sector privado e sociedade en xeral. Villasante ocupará este posto xunto á  Kristin  Reitcher do  Norce &  Bjerknes Centre  for  Climate  Research de Noruega.

“Na actualidade preto do 50% da poboación europea reside en rexións costeiras, onde gran parte da poboación vive a menos de 50 kilómetros de distancia das zonas costeiras que cobren o 40% do territorio europeo”, apunta Villasante. “As zonas costeiras son particularmente vulnerables ás ameazas crecentes de orixe  antropoxénico como é o caso da urbanización, turismo, agricultura, pesca, ou acuicultura; así como o aumento dos gases de efecto invernadoiro cos  consecuentes efectos sobre o incremento do nivel do mar, aumento da temperatura e a acidificación dos océanos”, continúa o profesor da USC no Campus de Lugo.

Foro estratéxico

O  EMB, creado en 1995 e con sede en Bruxelas, é o único  foro estratéxico pan-europeo para os mares, océanos e a tecnoloxía. Neste senso, constitúe unha plataforma para o avance na investigación neste eido con vistas a xerar e cubrir os baleiros de coñecemento científico na toma de decisións. “O  EMB posúe unha destacada reputación como xerador de resultados científicos de calidade para a sociedade e as institucións europeas”, explica o profesor Villasante. Nesta liña, facilita a transferencia do asesoramento científico sobre a investigación mariña a través da interacción directa cos actores políticos, incentivando a discusión cos científicos sobre aspectos de relevancia para a ciencia mariña. Representa, asemade, á comunidade científica mariña europea en diferentes eventos a través da súa rede de expertos.

Os membros do  EMB pertencen a institutos mariños e oceanográficos, axencias de financiamento á investigación, ou consorcios nacionais de universidades con forte presenza na ciencia mariña. Actualmente, o  EMB conta con 35 membros de 18 países europeos, representando a máis de 10.000 científicos e técnicos. Pola súa parte, Nacións Unidas declarou o período 2020-2030 como a Década da Ciencia Mariña para o Desenvolvemento Sostible e a Década para a restauración dos ecosistemas, que “outorgan unha oportunidade relevante para escalar a conservación e restauración dos ecosistemas mariños”, conclúe Villasante.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2020.