Pasar al contenido principal

Xavier de Donato reivindica o rol da Filosofía como “faro” para o resto da universidade na súa toma de posesión como decano

Xavier de Donato na Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite
Xavier de Donato na Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite
Este é un centro único e singular en Galicia, afirmou o reitor Antonio López, que se atopa en camiño de crecemento e proxección
Santiago de Compostela

"É un reto poder asumir a función de decano dunha Facultade de Filosofía, sobre todo porque a Filosofía, así o sinto, debe ser un faro, un espello para o resto da universidade”. Con estas verbas definiu o profesor Xavier de Donato o que será o seu rol á fronte da Facultade de Filosofía da USC nos vindeiros catro anos. O novo decano tomou posesión do seu cargo nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que tamén participou a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento. O decano saínte, Marcelino Agís, pronunciou un discurso de agradecemento no que fixo repaso aos seus anos de xestión neste centro da USC. 

O reitor destacou o feito de que a filosofía volve a ser foco de interese como evidencia o aumento da demanda de alumnado por estes estudos, feito que estaría motivado, na súa opinión, pola importancia destes coñecementos e polo papel que a filosofía pode xogar na vida cotiá universitaria. Este é un centro único e singular en Galicia, continuou Antonio López, que se atopa en camiño de crecemento e proxección, alén de ter demostrado capacidade de adaptación aos rápidos cambios cos que a universidade convive no día a día.  

Coñecemento e entusiasmo

“Dunha Facultade de Filosofía espérase que saian as mellores ideas, as máis atrevidas, as máis subversivas, en certo xeito tamén. As que arriscan máis. As máis visionarias. Creo que hai que recuperar moitas cousas, unha delas é esta”, afirmou o novo decano na súa intervención. De Donato tomou como referencia ao filósofo Alfred Whitehead, que escribiu sobre a función das universidades nun artigo no que explica que carecerían de sentido —non o terían despois da imprenta e moito menos aínda despois da Internet e a intelixencia artificial— “se se limitasen a ser meramente difusoras do coñecemento”.

“Estamos nun momento crucial, de transformación, para as chamadas Humanidades, entre as cales se adoita contar á Filosofía. É unha encrucillada na que a decisión debe, na miña opinión, ser firme e resultado dunha meditación profunda. É a través das Humanidades, non vou xulgar agora a adecuación da etiqueta, que imos recuperar iso que Whitehead reclamaba: a posibilidade de ser un nexo entre o coñecemento e o entusiasmo pola vida”, engadiu o novo decano. O equipo de goberno complétano o secretario da Facultade, Martín Pereira Fariña; e Óscar Parcero Oubiña, en calidade de vicedecano.  

Pola súa parte, o profesor Marcelino Agís centrou a súa intervención en mostrar o seu agradecemento a toda a comunidade do centro que axudou a superar os retos e dificultades entre os anos 2018 e 2022, período do seu mandato. Nese periplo apostou por axudar a fortalecer o imaxinario colectivo do centro en relación ás súas potencialidades e recuperando a súa propia memoria, afirmou. 

Traxectoria

Xavier de Donato foi investigador predoutoral na Ludwig-Maximilians-Universität de Múnic (Alemaña), onde se doutorou en Filosofía cunha bolsa da Fundación ‘La Caixa’, e bolseiro posdoutoral no Instituto de Investigacións Filosóficas da Universidade Nacional Autónoma de México. Profesor convidado na Universidade Autónoma Metropolitana de México; de 2009 a 2013 foi investigador Isidro Parga Pondal na Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi investigador visitante na Brown University de Providence, Estados Unidos. Conseguiu unha bolsa ERASMUS+ para impartir cursos na Università degli Studi di Torino (Italia). Ten sido relator en múltiples congresos internacionais e investigador principal de proxectos.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2023.