Pasar al contenido principal

Xesús Alonso Montero, a curiosidade sen límites dun “docente e investigador exemplar”

O profesor e académico Xesús Alonso Montero. FOTO: Santi Alvite
O profesor e académico Xesús Alonso Montero. FOTO: Santi Alvite
O que fora profesor da USC e que acaba de facer 95 anos, foi homenaxeado na Facultade de Filoloxía en recoñecemento á súa “traxectoria limpa, laboriosa e comprometida”

“Sempre o guiou a curiosidade intelectual, unha curiosidade que tivo e ten como únicos límites os da súa propia coherencia”. Así se referiu este mércores 29 a catedrática Dolores Vilavedra ao profesor Xesús Alonso Montero na homenaxe que lle tributou a Facultade de Filoloxía compostelá con motivo do seu 95 aniversario.

O Salón de Actos da Facultade foi o escenario da homenaxe, organizada polo catedrático Henrique Monteagudo e presidida polo reitor da USC, Antonio López. Interviñeron no acto o decano de Filoloxía, o profesor Elias Feijó, e o director do departamento, o profesor Francisco Cidrás. A seguir fixo a laudatio a catedrática Dolores Vilavedra e finalmente Xesús Alonso Montero pronunciou unha lección sobre o profesor progresista Alfredo de la Iglesia (A Coruña, 1871-1933). O cantante Amancio Prada correu a cargo da parte musical do evento, interpretando pezas acompañado da súa guitarra.

A profesora Vilavedra lembrou que “son innúmeros os traballos de diversa natureza -artigos, monografías, edicións, antoloxías- cos que a erudición e a paixón filolóxicas de Alonso Montero escribiu páxinas xa imprescindibles da historia da literatura galega” e subliñou o “indesmaiable compromiso” que moveu o profesor “a exhumar -e emprego este verbo a mantenta, polas connotacións que posúe- textos e voces agochados nas foxas da desmemoria: tantas palabras censuradas, violentadas, exiliadas....e tantas outras insumisas, rebeldes, resistentes...que el recuperou para nós, para rescribir a historia do que somos”.

O profesor Alonso Montero, pola súa banda, lembrou o traballo de Alfredo de la Iglesia ofrecendo clases de Literatura galega na época da ditadura de Primo de Rivera e que “non se impartían no horario das clases de Lingua castelá nin de Literatura castelá; impartíronse no horario de Historia General de la Literatura, materia na que o profesor explicaba os rudimentos da literatura francesa, da inglesa, da italiana, da rusa…”, pois malia que “non era don Alfredo, que nunca escribiu en galego, un galeguista, pero, pedagogo racionalista, entendía que non había razón para substraerlles ós alumnos galegos unhas nocións da Literatura escrita na lingua maioritaria de Galicia e que moitos dos seus discípulos falaban ou sabían”.

Xesús Alonso Montero foi profesor titular e catedrático de Literatura Galega na Facultade de Filoloxía compostelá. Ingresou na Real Academia Galega o 30 de outubro de 1993 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro. O seu discurso de ingreso, contestado por Xosé Filgueira Valverde, titulouno 'Manifestos' en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962)'. O 20 de abril de 2013 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 29 de abril de 2017.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2023.