Pasar al contenido principal

Semana da Ciencia do IGFAE

Conferencia de Marta Macho: 'Mulleres e ciencia: a ecuación funciona?'

26.11.2024 | 12.15h
Marta Macho
Marta Macho

A matemática e divulgadora Marta Macho Stadler (Bilbao, 1962) visita Santiago para ofrecer esta charla, na que abordará algunhas claves sobre a escasa presenza feminina nalgunhas disciplinas científicas e tecnolóxicas (como é o caso da física de partículas, astropartículas e nuclear, áreas de investigación do IGFAE) e como esta fenda se empeza a abrir desde idades moi temperás. Afondará nos debates arredor da capacidade, preferencias e diferenzas entre homes e mulleres, e a orixe destas diverxencias. Neste contexto, e a través da reflexión, durante a conferencia procurarase comprender mellor a situación actual no ámbito STEM, e buscar posibles medidas e accións para fomentar os cambios que se precisan.

Sobre Marta Macho
Marta Macho é profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco (EHU / UPV). Ademais da súa actividade docente, acumula unha longa traxectoria na divulgación, con acento na visibilización das figuras femininas na historia da ciencia. Entre outras moitas actividades, é editora do espazo dixital Mujeres con Ciencia, da Cátedra de Cultura Científica da UPV, que desde 2014 compila miles de artigos sobre a presenza feminina e os nesgos de xénero nas contornas científicas e tecnolóxicas.

O labor científico e divulgativo de Marta Macho fíxoa merecedora, entre outros galardóns, do Premio igUAldad da Universidad de Alicante (2015), a Medalla da Real Sociedad Española de Matemáticas (2015), o premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco (2016), o nomeamento como Ilustre de Bilbao (2019), o premio Lilly de Divulgación Científica (2023) ou o Premio Mujeres Científicas (2023).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2024.