Pasar al contenido principal

Apertura do congreso ‘Medios de comunicación e igualdade de xénero’

29.11.2024 | 10.00h

Co lema “Comunicar sobre violencia de xénero, unha necesidade para erradicala”

Facultade de Ciencias da Comunicación
Facultade de Ciencias da Comunicación

O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá o 29 de novembro o congreso ‘Medios de comunicación e igualdade de xénero’ que, baixo o lema ‘Comunicar sobre violencia de xénero, unha necesidade para erradicala’, organiza a Asociación de Periodistas de Galicia e que abrirá o reitor Antonio López ás 10.00 horas.

A conferencia de apertura, titulada ‘Outras formas de comunicación son posibles: como erradicar a violencia contra as mulleres nos medios e nas redes’ correrá a cargo de Coral Herrera Gómez, doutora en Humanidades e Comunicación Audiovisual, escritora e docente, á que lle seguirá un primeiro coloquio, ‘Comunicar a violencia de xénero, elimina nesgos ou os cronifica?’, coa participación das Xornalistas Raquel Tejero e Alba Chao.

O papel das redes sociais ante o acoso e a violencia de Xénero será o tema a tratar por Sindy Takanashi, creadora de contidos e autora do podcast Queridas hermanas, e María Rubio (Miare), youtuber e creadora de contidos. A elas seguiralle o panel-entrevista ‘Mellorar a cobertura informativa da violencia de xénero’ con Iván Pino, socio e director sénior de Reputación Corporativa, Liderado e Sostibilidade de Llorente y Cuenca (LLYC) e coautor de Desenfocadas, informe sobre o tratamento informativo da violencia de xénero.

A xornada rematará co coloquio ‘Xestión da violencia desde a Administración autonómica’ no que intervirá Roberto Barba, director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, e a clausura da man de Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2024.