Pasar al contenido principal

Inauguración do Facom Fest

25.11.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Auditorio

Comeza a terceira edición do festival de contidos audiovisuais no que o estudantado galego é protagonista

Logo do Facom Fest
Logo do Facom Fest

Este luns 25 de novembro comeza na Facultade de Ciencias da Comunicación a terceira edición do festival de contidos audiovisuais no que o estudantado galego é protagonista, o Facom Fest. Ademais das proxeccións, que darán visibilidade ao traballo e creatividade do estudantado dos centros galegos, haberá actividades que serán desenvolvidas en colaboración de profesionais do sector, buscando ofrecer unha perspectiva real e ampla.

O luns 25 comeza o festival no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación cunha presentación do evento, que terá lugar ás 12.00 horas. A actividade inaugural da xornada será un pódcast en directo a cargo do Éxercito Mekemeke, primeiro proxecto en galego finalista nos Premios Ondas Globales del Podcast, xunto con persoal da produtora Mala Herba, responsable de obras como a serie ‘Nómades’. Pola tarde arranca a primeira sesión de visionado con coloquios.

A primeira quenda de visionados e coloquios chega o luns 25 a partir das 16.00 horas no mesmo auditorio, protagonizada por obras pertencentes á sección competitiva. Exhibiranse así ‘Susurros do enxebre’ de Candela Conde, ‘O niño de laverca’ de María Martelo, ‘.jpeg’ de Anxo González, ‘Nó-las dúas’ de Candela Gándara e Iria Rodríguez e ‘Lo que no sé’ de Daniela Rey como pezas de non ficción e ‘Cans de Ferro’ de Zahira Teijelo e Ana Sánchez, ‘O porco’ de Hugo R. Morgado, ‘Gralla’ de Daniel Fernández, ‘Vestigi’ de Pablo Goirigolzarri, ‘Herencia’ de Xavier Fernández, ‘Somnia’ de Cristóbal Añón, ‘Ancora’ de Miguel R. Berride e ‘Teide’ de Daniel Castro e Sara Bernárdez dentro de ficción.  

Proxeccións
Nos tres días seguintes continuará a proxección das pezas participantes, e ademais o martes 26, de 12.00 a 14.00 horas, o festival contará cunha sesión retrospectiva que busca achegar o público a obras pioneiras do audiovisual galego. Esta inclúe o visionado das pezas ‘Coruña imposible’ (1995, Paco Rañal), ‘Veneno puro’ (1984, Xavier Villaverde) e ‘Galicia sitio distinto’ (Antón Reixa, 1988).

O mércores 27, a partir das 12.00 horas, abrirase a programación do día cunha masterclass sobre o manexo de controladoras DJ, impartida por Galician Army, referente destacado no ámbito da música electrónica. A continuación, celebrarase unha mesa redonda dedicada á creación LGTBIQ+ no mundo audiovisual, que contará coa participación de Bea Villar, Alberte Bello, Bea Sáians, Alma Alonso e Álvaro González.

O xoves 28, último día do Facom Fest 2024, comezará cunha mesa integrada por directores e creadores audiovisuais destacados no ámbito do videoclip: Xaime Miranda, Lara Caeiro, Juan Barbazán e Anxo Beiro. Nesta sesión, as figuras participantes compartirán as súas experiencias e coñecementos sobre o proceso creativo, técnico e artístico da produción de vídeos musicais.

Para pechar o evento, celebrarase a entrega de premios no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, coñecendo os gañadores de cada categoría (Ficción, Non ficción e Videoclip) e outorgando tamén mencións adicionais a outras pezas. Contarán coa actuación especial da Facom Band, banda formada por estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación, e haberá a oportunidade de ver novamente as pezas galardoadas. A noite continuará na sala Sonar coa chamada Facom Fest(a) coa actuación musical de Jade4, banda galega de indie-rock.

Ademais, dentro do marco de actividades do festival desenvolverase o concurso Facom Fest Foto, unha iniciativa destinada a impulsar a creatividade do estudantado galego. Esta actividade consiste en capturar unha fotografía que inclúa, de forma libre e creativa, referencias á temática do humor e que deberá ser tomada entre o 21 e o 27 de novembro, ata as 23.59 horas.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2024.