No centenario do pasamento do lóxico, filósofo e matemático Gottlob Frege (1848–1925), a Facultade compostelá de Filosofía organiza o 4 de decembro un seminario internacional para reflexionar de maneira colectiva sobre a relevancia e a vixencia do seu pensamento. Frege é amplamente recoñecido como un dos fundadores da lóxica moderna e unha das figuras centrais na configuración da filosofía analítica contemporánea.
O encontro reunirá especialistas de distintos países para abordar a súa obra dende múltiples perspectivas: a lóxica e a fundamentación das matemáticas, a semántica de sentido e referencia, así como a influencia que o seu pensamento exerceu na filosofía da linguaxe e nas reflexións filosóficas sobre a natureza dos obxectos abstractos.
O seminario ‘The significance of Gottlob Frege and his contributions to logic, the foundations of mathematics and the philosophy of language’ desenvolverase na Sala de Xuntas da Facultade e nel intervirán dende as 9.15 horas Marcus Rossberg, da Universidade de Connecticut; María de Ponte e Kepa Korta, da Universidade do País Vasco; Genoveva Martí, da Universidade de Barcelona; Joan Bertran San Millán, da Complutense; Walter B. Pedriali, de St. Andrews; e Mark Textor, do King’s College de Londres.