Pasar al contenido principal

Investigadores de Historia da Arte realizarán nos vindeiros seis meses un inventariado das salas de cine históricas existentes en España

Detalle do interior dun dos cines localizados polo equipo de investigadores da USC
Detalle do interior dun dos cines localizados polo equipo de investigadores da USC

Investigadores do Departamento de Historia da Arte da USC realizarán nos vindeiros seis meses un inventariado de salas de exhibición cinematográfica de toda España co obxecto de localizar aqueles cines de interese histórico, clausurados ou aínda en funcionamento, que poidan ser obxecto dunha intervención estatal de recuperación e rehabilitación, na liña doutros plans nacionais de patrimonio xa executados pola administración central para a protección de edificacións singulares como teatros, castelos, catedrais ou arquitectura industrial. O director deste Plan Nacional de Cines, o profesor Jesús Ángel Sánchez García, destaca a urxencia de poñer en práctica esta iniciativa encargada ao equipo compostelán polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte dado o “tremendo ritmo de destrución” destas salas cinematográficas, singulares polo seu interese histórico e artístico, sobre todo dende un punto de vista arquitectónico, e cuxa situación actual deixa un “dramático panorama”. O inventariado e catalogación dos investigadores da USC será o punto de partida para o deseño e desenvolvemento de programas de recuperación e rehabilitación específicos para as edificacións que perduran e así poder protexelas como patrimonio cultural. Para a documentación, recollida de datos e localización de salas, o equipo de investigadores utilizará os censos de salas publicados anualmente polo Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), así como estudos locais e bibliografía sobre historia do cine, ademais do contacto directo coas salas de exhibición actualmente en funcionamento. O traballo, que se desenvolverá no próximo medio ano, ten o seu punto de partida máis inmediato no libro Cines de Galicia, do que foron editores o profesor Jesús Ángel Sánchez e José L. Cabo Villaverde e que foi editado en 2012 pola Fundación Barrié. En Galicia existen múltiples exemplos do estado dos cines de interese histórico, unha situación que Jesús Ángel Sánchez considera dramática

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2014.