A profesora da Área de Psicobioloxía da USC e presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada Vázquez, recolle o martes 18 de novembro o Premio Luís Porteiro Garea da man do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López.
O acto de entrega do premio na súa oitava edición terá lugar ás 12.00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia.
O xurado acordou de forma unánime conceder o premio á profesor Losada destacando “a súa ampla traxectoria na promoción do idioma e na galeguización de ámbitos e actividades da USC”. Ademais de “ser un exemplo do uso da lingua para as promocións de profesores e estudantes mais novos, foi a primeira presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da USC”, destacou o xurado, quen tamén valorou “o seu destacado papel no estudo e difusión da cultura galega”.
O galardón distingue a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC. O premio toma o seu nome de quen fora profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.