Campaña solidaria de recollida de alimentos na USC
A Universidade de Santiago colaborará os vindeiros días 28 e 29 de novembro coa Federación Galega de Bancos de Alimentos (Fegaban) nunha campaña extraordinaria de recollida logo de recibir numerosas peticións neste sentido por parte da comunidade universitaria. Finalmente, na entrega do Premio Solidarios-ONCE á USC o pasado setembro os responsables do Servizo de Participación e Integración Universitaria tiveron a oportunidade de falar cos representantes de Fegaban acerca desta colaboración. Na USC os puntos quedarán instalados eses dous días nas Residencias Universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa, no Colexio Maior Fonseca e na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega. Xa en Lugo, a recollida farase na Residencia Bal y Gay. As persoas responsables da campaña, que abarca o ámbito estatal, lembran que os alimentos máis necesarios son o leite de continuación e os cereais infantís, aínda que tamén se precisa leite, cacao, azucre, conservas, aceite e galletas. Voluntariado universitario Ademais destes puntos de recollida, a Universidade compostelá facilitará a Fegaban estudantado universitario que de maneira voluntaria colabore na campaña ‘Gran Recollida de Alimentos’ que se vai levar a cabo os días sinalados nos supermercados DIA, Mercadona, LIDL, El Árbol, Opencor e El Corte Inglés. Alí entregarán a cada cliente, gratuitamente e sen compromiso, unha bolsa por se desexan colaborar á saída con algún alimento.