Ir o contido principal

O Campus Terra busca dotar de identidade científica o campus de Lugo para aproveitar o seu potencial socioeconómico e territorial

Puga, Orozco, Casares, Santos e García Herradón, na presentación do proxecto do Campus Terra
Puga, Orozco, Casares, Santos e García Herradón, na presentación do proxecto do Campus Terra
Casares presenta a estratexia para facer do campus lugués un referente nos eidos do coñecemento vinculados á sostibilidade económica, social e medioambiental da Terra

O proxecto Campus Terra é unha actuación estratéxica a través da que a Universidade de Santiago aspira a dotar de identidade científica de seu e maior visibilidade nacional e internacional da sede universitaria luguesa, a fin de transformala nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento relacionados coa sostibilidade económica, social e medioambiental da Terra, segundo indicou Juan Casares.

O reitor da Universidade de Santiago, que presentou este mércores na Casa do Saber de Lugo aos responsables das distintas institucións políticas locais e provinciais, o proxecto do Campus Terra, destacou que este “reto de enorme envergadura” permite á USC afondar na súa triple misión, un cometido diverso que ten como eixes a docencia, investigación e a transferencia e responsabilidade social. O Campus Terra é unha estratexia colectiva e coordinada artellada a carón da Terra como elemento integrador, dixo Casares, quen defende este proxecto de transformación do campus lugués impulsado pola Universidade de Santiago como unha oportunidade para construír un ecosistema de coñecemento arredor da Terra dende unha perspectiva interdisciplinar, abordando os aspectos económicos, sociais e medioambientais. O proxecto de especialización impulsado pola USC para o campus de Lugo antóllase como unha oportunidade de avanzar cara un novo modelo de relación entre ciencia en sociedade, ao tempo que abre novas vías para o traballo en rede entre axentes internacionais, nacionais e rexionais, así como entre a Universidade, empresas e institucións. A aposta pola especialización dos campus é unha acción recomendada por parte da Administración autonómica e tamén da Unión Europea, dixo Casares, ao tempo que indicou que o Campus Terra será unha ferramenta fundamental para acceder ás distintas convocatorias de fondos europeos Feder e Feader no horizonte do 2020. A distribución destes fondos europeos e priorizarán na concesión das súas achegas aquelas accións que presenten un alto compoñente de investigación, sinalou. Casares rematou a súa presentación do proxecto Campus Terra para a transformación do campus de Lugo e para a dinamización social, económica e medioambiental da súa contorna cunha chamada aberta a toda a sociedade para participar neste proceso de reflexión sobre o futuro do campus de Lugo e, por extensión, da Universidade de Santiago. O proceso de elaboración e deseño do plano estratéxico do proxecto de Campus Terra está a buscar a participación de todos os axentes sociais, políticos, empresariais..., así como dos propios membros da comunidade universitaria e tamén da sociedade en xeral. De feito, logo da aínda recente adxudicación da elaboración do plano estratéxico do proxecto de Campus Terra, a empresa responsable xa mantivo distintos encontros cos decanos e directores de centros do campus de Lugo. Compromiso das administracións locais co proxecto de Campus Terra O alcalde de Lugo, José López Orozco, agradeceu á Universidade a oportunidade brindaa ao Concello e á cidade de Lugo para participar no deseño futuro fo campus de Lugo como Campus Terra e incrementar así, na medida do posible, as vías de colaboración entre as dúas institucións e tamén as sinerxias xa existentes. Orozco lembrou neste senso a fonda transformación que experimentou a cidade de Lugo nos últimos 25 anos logo da consolidación do campus de Lugo, unha sede universitaria, que, segundo Orozco, “ten a sorte de formar parte da Universidade de Santiago”. O alcalde lugués defendeu asemade a proposta de especialización que busca o Campus Terra por tratarse dunha aposta que afonda na xestión e creación de coñecemento, unha riqueza que non se pode desprezar, porque sería “un grave erro”. O deputado provincial delegado da área de Cooperación e Asistencia aos Concello, Álvaro Santos, manifestou o apoio da Deputación de Lugo á proposta de especialización para o campus de Lugo impulsada polo goberno da USC, porque “no Campus Terra conflúen moitos dos obxectivos nos que está a traballar o goberno da Deputación Provincial, e que poderían resumirse no desenvolvemento de accións para favorecer o desenvolvemento económico e social a través do aproveitamento dos recursos naturais, da súa conservación e, tamén da fixación de poboación no medio rural”. O presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Puga Pereira, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, tamén participaron neste acto de presentación do plano estratéxico do Campus Terra, unha sesión na que tamén estiveron presentes os decanos e directores das distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais do vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación no campus de Lugo, Pablo Ramil, e Luis Felipe de la Cruz Palomino, do Hospital Universitario Veterinario Rof Codina. Novas sesións A confección do deseño do plano estratéxico que marcará a folla de ruta a seguir para transformar a sede universitaria luguesa no Campus Terra, terá este xoves un nova sesión de traballo, que estará guiada polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón. Esta nova reunión, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas, no salón de actos da Casa do Saber, pretende un intercambio de información e propostas entre a Universidade de Santiago e os propios axentes sociais, empresarias e os distintos colectivos profesionais respecto da futura especialización do campus de Lugo ao abeiro do proxecto Campus Terra. Decanos e directores de centros do campus de Lugo, na presentación do proxecxto na Casa do Saber

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2013.