Ir o contido principal

As cidades atlánticas a través da mirada dos artistas

Portada da publicación, editada por Teófilo edicións
Portada da publicación, editada por Teófilo edicións

Investigadores da Universidade de Santiago pertencentes ao grupo ‘Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo’ coordinado polo catedrático Alfredo Vigo Trasancos acaban de sacar á luz a publicación colectiva La ciudad y la mirada del artista. Visiones desde el Atlántico. O volume consta de 13 traballos de destacados especialistas sobre a realidade das cidades do Arco Atlántico europeo analizadas a través das distintas representacións que delas deixaron os gravadores, debuxantes e pintores dende finais da Idade Media ata a aparición da fotografía. Ademais da USC, contén os resultados do traballo de investigadores das universidades de Oviedo, Cantabria, Nantes e Porto. Os estudos desenvólvense do norte de Francia ao noroeste de Portugal, cun protagonismo moi destacado toda a cornixa Cantábrica e Galicia. Así, xunto á visión de cidades francesas como Nantes ou Burdeos ou portuguesas como Braga ou Camiña aparecen tamén San Sebastián, Bilbao, Santander, Xixón, Santiago, A Coruña, Vigo ou, que son así vistas e analizadas en estudos de conxunto ou, pola contra, de maneira concreta e pormenorizada. A maior parte do contido da publicación, que dá conta dunha realidade urbana moi destacada polo seu importante protagonismo histórico, intégrase no marco do proxecto de investigación nacional ‘La visión del artista. Ciudad y arquitectura en Galicia desde la Edad Media hasta la irrupción de la fotografía’ concedido polo Ministerio de Economía e Competitividade para o trienio 2012-2014.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2015.