Un dos cursos de verán da USC afonda na arte e o patrimonio da Mariña luguesa como motor para o desenvolvemento da zona
O curso da USC Arte e Patrimonio na Mariña Luguesa: un Motor para o Desenvolvemento Comarcal afondará entre o 18 e o 20 de xullo próximos no Cine-Teatro de Ribadeo na importancia da posta en valor do patrimonio natural, artístico e cultural para a dinamización desta comarca lucense. A actividade está dirixida polos profesores de Arte da USC José Manuel López Vázquez e Juan Monterroso Montero. O curso ábrese o mércores 18 co relatorio ‘Historia da arte e turismo: a posta en valor da retabilística na Mariña Luguesa’, a cargo dun dos seus directores, José Manuel López Vázquez (USC); a continuación o outro director, Diego Rodríguez Paz, disertará sobre Dionisio Fierros e a creación da paisaxe galega no século XIX. Asesión de mañá desta primeira xornada péchase coa intervención do xestor cultural Xavier Campos López, quen falará acerca do patrimonio cultural ribadense como estratexia para o desenvolvemento, con referencias específicas ao Ribadeo indiano e á Casa das Algas. Pola tarde será a quenda de José Manuel García Iglesias, profesor da USC, co seu relatorio ‘ Reflexións no territorio. En torno á xestión e o patrimonio cultural na Mariña Luguesa’. O primeiro día do curso rematará coa mesa redonda ‘Estratexias para a difusión da cultura no ámbito local e comarcal’, na que participan representantes da Deputación Provincial de Lugo e dos Concellos de Foz, Mondoñedo, e Ribadeo. O día 19 comeza co relatorio do profesor da UDC Ramón Izquierdo Perrín centrado na basílica de San Martiño de Mondoñedo, ao que seguirán outros dous sobre a figura de San Rosendo (a cargo de José M. Andrade Cernadas, da USC) e a arquitectura do mosteiro de Vilanova de Lourenzá (por parte de Ana Goy Diz, tamén da USC). A sesión de tarde resérvase para unha visita guiada ás covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo. A xornada do venres 20 dá comezo coa intervención de Míriam Elena Cortés López, da USC, ‘O significado do singular. A posta en valor dun motivo arquitectónico’. A continuación Carmen López Calderón, tamén da USC, achegará aos participantes a súa visión sobre a aplicación do coñecemento a un itinerario turístico, co exemplo das pinturas marianas da catedral mindoniense como testemuñas dunha doutrina con vocación universal. O curso complétase con tres conferencias máis: ‘A escultura de autor como soporte turístico: obras de Francisco de Moure na Mariña Luguesa’, a cargo de Marica López Calderón, do CEPESE de Oporto; ‘Turismo e cascos medios. Análise do caso da Mariña Luguesa’, de Ana Mesía López, da USC; e ‘Quen somos e como queremos que nos vexan? Un reto para o patrimonio cultural’, de Juan Monterroso. A clausura do curso inclúe un concerto da Coral Polifónica de Ribadeo. A actividade consta dun total de 25 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.