Dúas xornadas de iniciación á micoloxía abren este mes a nova programación de actividades da Estación Científica do Courel
A Estación Científica do Courel acubillará os vindeiros días 16 e 23 de novembro dúas xornadas de iniciación á micoloxía, que inclúen, ademais de relatorios sobre diferenciación, morfoloxía e formas de vida dos cogomelos, saídas ao monte para identificar e recoller setas. A organización destas sesións micolóxicas, abertas á participación de todas as persoas interesadas, marcan o inicio da programación deseñada pola novo equipo de dirección da Estación Científica do Courel, segundo adiantou o director deste centro dependente da Universidade de Santiago de Compostela, o catedrático do Departamento de Produción Vexetal Antonio Rigueiro Rodríguez. Rigueiro Rodríguez, que asumiu a dirección deste centro da USC a comezos do pasado verán, sinalou que o traballo do novo equipo directivo centrouse nestes primeiros meses na adquisición de mobiliario, así como de material e equipamento científico técnico e tamén bibliográfico, a fin de dotar a Estación Científica do Courel de recursos suficientes para poder comezar a desenvolver os cometidos propios dun centro de investigación da Universidade de Santiago. A elaboración dun documental audiovisual que permita ao visitante coñecer as funcións e os potenciais servizos da Estación Científica do Courel, un material elaborado pola Fundación TIC a través dun convenio entre a USC e a Deputación de Lugo e que proximamente estará á disposición dos visitantes, é outro dos proxectos xa postos en marcha por Antonio Rigueiro. O director da Estación Científica do Courel, que pretende dinamizar o funcionamento deste centro da USC para convertelo tamén nun elemento dinamizador do Courel, fixo alusión á nova dimensión social que procuran estas instalacións universitarias, que están a recibir numerosas visitas de escolares.
A potenciación da Estación Científica do Courel como centro de formación en educación ambiental para profesores de ensinanzas medias e a organización de diversos cursos de micoloxía, plantas medicinais, enxertos, poda..., así como doutros temas que espertan interese entre a poboación da comarca do Courel, potenciarán de xeito salientable a actividade deste centro da USC ao longo do ano 2014, dixo Rigueiro.