Ir o contido principal

Un equipo de investigación da EPS de Lugo presenta o estudo máis completo realizado sobre as castes de vide de Galicia

Imaxes do estudo realizado sobre a variedade Albariño
Imaxes do estudo realizado sobre a variedade Albariño
O grupo dirixido por Santiago Pereira, en colaboración coa EVEGA, constata a diferenza entre as variedades galegas e as do resto da Península e a súa probable orixe francesa

As castes de vide galegas están máis vinculadas coas francesas que coas do resto da Península. Así o demostra un estudo realizado conxuntamente polo grupo de investigación da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), coordinado pola investigadora Emilia Díaz Losada, e o grupo Agronomía da Escola Politécnica Superior de Lugo, dirixido polo profesor Santiago Pereira Lorenzo. Trátase do traballo máis completo dos realizados ata agora para a descrición das castes de vide cultivadas en Galicia. O estudo, financiado parcialmente polo Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e a Xunta de Galicia, constatou a existencia de 67 variedades diferentes a partir da análise de 274 mostras. Esta minuciosa clasificación morfolóxica e molecular, elaborada mediante marcadores microsatélites, das castes de vide galegas (de grande interese para a descrición dos viños que se producen en Galicia) está recollida no libro A colección de vides da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, de libre acceso neste enlace e que tamén se publicou en versión impresa. Probable orixe francesa Os traballos de investigación realizados tamén demostraron que as castes galegas se diferencian xeneticamente das cultivadas na Meseta e no sur de España, dando lugar a dúas liñaxes xenéticas propias: unha no oeste de Galicia que agruparía os Caíños (incluído o Albariño), e outra no leste da comunidade coa Mencía. Ademais, atopouse que estas liñaxes están relacionadas con variedades tradicionalmente cultivadas en Francia: segundo o estudo, o grupo Caíño o estaría con Pinot Noir e Syrah, mentres que o do leste tería a súa orixe na caste Merenzao (sinónimo da caste francesa Trousseau), de tal maneira que existe unha diferenciación xeográfica seguindo a Ruta Xacobea dende o leste ó oeste (tal e como este grupo de investigación expuxo recentemente nun traballo publicado en Annals of Applied Biology ). “A explicación vén dada pola instalación na Idade Media de mosteiros ao longo do Camiño e Santiago; os monxes chegados dos países centroeuropeos traían as súas propias castes, que foron as que deron lugar as castes galegas a partires de seleccións da hibridación natural. E isto non sucedeu só coas vides, pois outros traballos do noso grupo mostran que está procedencia sobre todo francesa das variedades cultivadas se dá tamén un plantacións como pereiras ou maceiras”, explica Santiago Pereira. Evolución autóctona Os dous grupos varietais galegos, Caíño e Mencía, evolucionaron independentemente a partir da selección por parte dos agricultores de cepas procedente da hibridación natural entre diversas castes (aínda que no estudo tamén se catalogaron variedades procedentes doutros puntos de España, como a Garnacha, cuxa introdución sería en todo caso posterior). Por exemplo, o Caíño Branco tivo a súa orixe no cruzamento entre Caíño Bravo e Albariño (tal e como se recolle neste traballo publicado no American Journal of Enology and Viticulture ); no grupo dos Caíños tamén se atopan outras castes coma a Loureira e a Castañal, relacionadas directamente con Caíño Bravo, que puido ser a primeira caste galega deste grupo pola súa relación xenética directa con outras desta linaxe. Na imaxe móstrase a diferenciación xenética e xeográfica dos cultivares de vid da colección da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2012.