O estudantado de Enfermaría do SUG afronta de xeito habitual micromachismos e comportamentos sexistas durante a súa formación clínica
O estudantado de Enfermaría das tres universidades públicas galegas afronta de xeito habitual micromachismos e comportamentos sexistas durante a súa formación, en maior medida por parte de homes doentes ou acompañantes e tamén de persoal sanitario. Esta é a principal conclusión que se extrae do proxecto Actitudes de xénero detectadas polo estudantado de Enfermaría nas prácticas clínicas presentado recentemente na USC.
Segundo o estudo, realizado sobre unha mostra 428 estudantes dos cales o 84 % eran mulleres, son elas as que sofren máis micromachismos, principalmente en forma de infantilización (50% das respostas), asignación de tarefas consideradas inferiores (57,5%) e infravaloración do seu traballo (52,7%).
Ademais, un terzo do estudantado percibe comentarios despectivos cara a súa persoa durante a realización das prácticas clínicas. Eses comentarios ou "bromas" sobre as mulleres ou as súas capacidades son frecuentes e proceden en maior medida de homes que habitualmente son doentes, acompañantes ou persoal sanitario.
Por outra banda, arredor dun 13% asegura sufrir contacto físico non consentido ou recibir insinuacións ou proposicións de carácter íntimo ou sexual, conductas que proveñen fundamentalmente, nun 93% dos casos, de homes doentes ou acompañantes.
O estudantado advirte que habitualmente as situacións de intimidación ou acoso non son presenciadas e por regra xeral comunícanllas ás súas amizades e compañeiras pero non ás persoas responsables das prácticas. Ademais, con independencia de que estas situacións sexan presenciadas ou non, denuncian que non existen consecuencias para quen as propicia.
Finalmente, o estudo recolle que a metade das persoas enquisadas percibiu diferenzas no trato recibido e nas cualificacións obtidas por razóns de sexo, aparencia e orientación sexual, de maneira que se asocia cun mellor trato e mellores cualificacións o xénero masculino, un físico canonicamente atractivo e a orientación sexual heteronormativa.
Os resultados do proxecto, realizado ao abeiro dunha axuda á investigación da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2025, presentáronse nunha xornada divulgativa no centro de Estudos Avanzados da USC na que participaron as persoas autoras e que inaugurou a delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Rodríguez Boente.