Ir o contido principal

Estudantes de Historia da Arte da USC realizarán prácticas na colección de arte da Fundación María José Jove

Estudantes de Historia da Arte da USC realizarán prácticas na colección de arte da Fundación María José Jove
Estudantes de Historia da Arte da USC realizarán prácticas na colección de arte da Fundación María José Jove

Estudantes de Historia da Arte da USC realizarán prácticas na Área de Promoción Cultural da Fundación María José Jove e, especificamente, na súa colección de arte. O estudantado universitario participará no día a día das actividades organizando xornadas para análise da colección, extrapolándoa a outras obras ou coleccións, realizarán actualizacións de biografías e textos críticos das obras e estudarán en detalle obras, escolas ou movementos a partir dos fondos presentes na colección de cara á elaboración dunha posible publicación. Ademais realizarán un proxecto de comisariado de exposición, outro dunha colección e un terceiro sobre materiais didácticos de apoio. Esta iniciativa de colaboración foi un dos temas abordados no encontro mantido polo reitor Juan Casares e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove. A Fundación decidiu tamén colaborar no desenvolvemento do Máster universitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da USC, que se dirixe á formación de profesionais especializados no mundo da arte contemporánea. A Fundación facilitará o acceso aos fondos da súa colección a profesores e alumnado para que poidan utilizalos no desenvolvemento dos seus proxectos. A colección

A Colección de Arte Fundación María José Jove iniciouse a mediados da década dos 90 da man de Manuel Jove Capellán, quen en 2005 a cedeu á Fundación para propiciar a preservación, difusión e promoción da arte. Este conxunto mostra unha selección das tendencias plásticas sobre as que se articula a historia da arte, dende o último tercio do século XIX, pasando polas últimas expresións formais do século XX ata a actualidade. Está integrada por 550 obras de 250 artistas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2013.