Gallaecia Petrea ábrese á comunidade académica
Do 2 de outubro ao 20 de novembro desenvólvense na Cidade da Cultura as xornadas académicas ‘ Gallaecia Petrea: Natureza, traballo e arte’ na que participan os docentes da USC Antonio Rodríguez Colmenero e Ana Goy Diz, comisarios á vez da exposición que dá nome ao encontro. Xunto a eles, intervirán os outros comisarios Miguel Fernández Cid, Juan Ramón Vidal Romaní, Xosé Ignacio Vilaseco e Carlos Valle, a deseñadora Uqui Permui e o responsable do deseño de montaxe, o arquitecto Juan Pablo Rodríguez Frade. A asistencia ás xornadas supón o recoñecemento dun crédito de libre configuración para o alumnado universitario.
O martes 16 de outubro terá lugar ás 19.00 horas a charla do profesor ad honorem da Universidade de Santiago, Antonio Rodríguez Colmenero, titulada ‘Monumentos sobranceiros romanos na Gallaecia’ mentres que Ana Goy, profesora titular de Historia da Arte na USC, intervirá o día 30 dese mes con ‘A pedra na Idade Moderna. Exemplos máis destacados da Gallaecia Petrea’.