Ir o contido principal

Investigadores da USC dan novos pasos na comprensión da obesidade

O traballo tamén representa un avance no tratamento da diabetes, polos vínculos entre esta doenza e a obesidade

O grupo dos investigadores Carlos Diéguez e Miguel López xunto co grupo Neurolip da Universitat Internacional de Catalunya demostraron nos seus traballos no laboratorio que as ceramidas (derivados lipídicos dos ácidos graxos) que se producen no hipotálamo son un sinal de fame en resposta á hormona ghrelina. Este é o argumento do artigo ‘Hypothalamic ceramide levels regulated by CPT1C mediate the orexigenic effect of ghrelin’, publicado recentemente na revista revista Diabetes. O interese do traballo radica no vínculo que existe entre a diabetes tipo 2 e a obesidade, xa que diversos estudos corroboran que o risco de desenvolver diabetes aumenta progresivamente co exceso de peso ou o aumento do Índice de Masa Corporal (IMC). A ghrelina é unha hormona producida polo estómago baleiro cuxa función é informar ao cerebro da necesidade de inxerir alimentos. Os investigadores explican que o seu nivel aumenta antes de comer e diminúe despois das comidas. Agora, demostrouse que as ceramidas hipotalámicas, ou ben a proteína CPT1C que as sintetiza, son “mensaxeiras” nesta información e poden ser dianas terapéuticas no desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento da obesidade. O estudo realizouse en ratos: o equipo de investigadores demostrou que si se bloqueaba o aumento de ceramidas no hipotálamo dos ratos, estes demostraban non ter fame, por moito que liberaran ghrelina. En 2008, nun traballo publicado en Cell Metabolism, Miguel López e Carlos Diéguez xa presentaran un novo mecanismo fisiolóxico co que demostraban como a hormona ghrelina modula a inxestión no hipotálamo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2013.